O AI DJ de Spotify chega ao noso país

Spotify vén de anunciar a ampliación da súa función de AI DJ a máis oíntes Premium de todo o mundo. Anunciada en febreiro, esta ferramenta actualízase agora presentando unha nova voz en español -Livi- e comezando a funcionar nos mercados hispanofalantes.

Esta ferramenta de DJ baseada na intelixencia artificial (IA), ofrece ás usuarias Premium da popular aplicación musical unha nova forma de conectar e descubrir nova música. Parte do coñecemento das usuarias para elixir que música reproducir para elas a partir do contexto.

Non se trata só de que esta IA faga unha lista de reprodución adaptada ao que escoitamos, función que xa viña realizando Spotify. Con esta nova funcionalidade, apórtanse comentarios e recomendacións personalizadas, o que fai máis probábel que as usuarias escoiten novas cancións, no canto de saltalas.

Segundo apunta Spotify, as usuarias que veñen usando AI DJ -desde o seu lanzamento en febreiro, unicamente en inglés- reproducen máis música, cun aumento de máis do 200%.

A voz escollida para o AI DJ de Spotify en español chámase “Livi”. É en realidade Olivia Quiroz Roa, editora senior de Música en Spotify en México. A súa escolla é froito dun longo casting, no que resultou ser a voz que mellor conectou cos oíntes.

Para comezar a empregar AI DJ debemos ser usuarias de Spotify Premium, e acceder á pestana “Buscar”, onde debemos buscar “DJ” e darlle ao Play. Se queremos mudar o idioma, debemos tocar o menú de tres puntos dentro de AI DJ e elixir entre os dous que hai dispoñíbeis, Xavier (en inglés) ou Livi (en español de México).

Sobre o autor

Reply