Samsung prepara a serie Galaxy Tab S10 para outubro

Samsung acaba de presentar novos dispositivos no Unpacked da semana pasada. Por unha banda, a compañía surcoreana presentou os novos encartábeis da serie Galaxy Z, e por outra os novos wearables, incluíndo o agardado Galaxy Ring.

Como o mundo tecnolóxico non para, a compañía xa ten posto o foco no seu seguinte lanzamento, que varias fontes sitúan no próximo mes de outubro. Estamos a falar das novas tablets de gama alta, a serie Galaxy Tab S10.

Seguindo a estela dos últimos lanzamentos deste segmento de produto, rumoréase con que esta serie estea formada por tres modelos: Tab S10, Tab S10+ e un modelo Ultra, cuxos deseños serían moi semellantes aos da actual serie Tab S9.

As primeiras especificacións filtradas apuntan a pantallas AMOLED, que no caso do modelo Ultra sería de 14,9 polgadas. No interior, este trebello tería un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3 dándolle vida.

En canto á Galaxy Tab S10+, teríamos un procesador MediaTek 9300+, que de confirmarse sería a primeira vez que a compañía emprega un chip deste fabricante nunha das súas tablets. A RAM deste modelo sería de 12 GB e a pantalla de 12,4 polgadas.

Con tres meses por diante, quedan moitos rumores e filtracións por aparecer, nos que iremos vendo canto evoluciona Samsung as súas tablets. O que si que se dá por sentado é que esta nova serie de tablets destacará por incluír as solucións de intelixencia artificial de Galaxy AI.

Sobre o autor

Reply