Corría o ano 2016 cando Nokia, daquela en mans de Microsoft, anuncia algún dos que serían os últimos modelos de smartphone con Windows Phone. Falamos de dispositivos Lumia, que se ben supuxeron grandes avances en deseño, acabaron por desaparecer en favor de Android.
Logo de facerse coa marca Nokia e tras varios lanzamentos con ela, o fabricante chinés HMD decidiu hai uns meses dala por amortizada, e centrar todos os esforzos na nomenclatura HMD. Iso si, conservando aspectos que lembran moito aos últimos lanzamentos de Nokia, entre eles este novo HMD Skyline.
Especificacións do HMD Skyline
Este vistoso dispositivo chega unha pantalla de 6,55 polgadas pOLED, con resolución FHD+ (1080 x 2400), unah taxa de refresco de 144 Hz e 1000 nits de brillo. Integra ademais Corning Gorilla Glass 3 para aumentar a protección fronte rabuñadas e pequenos golpes.
No seu interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 7s Gen 3, xunto con versións de 8 e 12 GB de RAM e opcións de 128 e 256 GB, que en ambos casos poden ampliarse mediante tarxetas microSD de até 512 GB.
Na fotografía destaca unha cámara frontal de 50 MP con autoenfoque, e na parte traseira unha combinación de tres sensores. O principal é de 108 MP, con estabilización óptica de imaxe (OIS); un ultra gran angular de 13 MP e u ntelefoto de 50 MP.
A autonomía vén dada por unha batería de 4.300 mAh, con velocidade de carga de 33 W. É compatíbel tamén coa carga sen fíos de 15 W e carga inversa de 5 W. Completando a ficha de características, destacan a conectividade 5G (SA e NSA), WiFi 6E e Bluetooth 5.2. O lector de pegadas dixitais sitúase no botón lateral de acendido, e resulta resistente á auga e pó segundo o estándar IP54.
En canto a software, chega con Android 14 e 2 anos de actualizacións do sistema operativo completo. Tamén inclúe un “modo detox” que permite desconectar durante un tempo, desactivando as notificacacións. Este modo pode personalizarse, con dous modos (suave ou forte) e seleccionando o tempo.
Alto grao de reparabilidade
Outro aspecto que destaca deste HMD Skyline é o alto grao de reparabilidade, permitindo ás usuarias intercambiar elementos como a pantalla, a batería ou o porto de carga facilmente na casa. Estes son os tres elementos máis habituais nas reparacións dos dispositivos, que en moitas ocasións mesmo levan ás usuarias a plantexarse a actualización a novos modelos.
Por poñer un exemplo, segundo indica o fabricante -e grazas a iFixit- cambiar a pantalla é relativamente doado. Pasa por desmontar algúns parafusos, retirar o cable da pantalla e subsituír os anclaxes, en forma de tiras adhesivas.
Dispoñibilidade e prezo do HMD Skyline
O HMD Skyline xa se pode mercar no noso país, onde se comercializa a versión de 8 + 128 GB por 499,99 €, e a de 12 + 256 GB por 599,99 €. Está dispoñíbel en rosa ou negro.