Os Honor 200 Pro e Honor 200 conseguen a etiqueta DXOMARK polo rendemento da súa cámara

Honor está de celebración. Os Honor 200 Pro e Honor 200, dous dos seus últimos lanzamentos, veñen de recibir a prestixiosa etiqueta de prata DXOMARK polo gran rendemento da súa cámara. O Honor 200 Pro conseguiu situarse no segundo posto, e o Honor 200 no cuarto, nos seus respectivos segmentos.

O Honor 200 Pro acadou unha puntuación global de 137 na clasificación DXOMARK, posicionándose no segundo posto do seu segmento. Da súa cámara destaca especialmente o modo retrato, grazas a un preciso autoenfoque, unha exposición precisa e un rango dinámico bastante amplo.

Valores que tamén destaca DXOMARK, quen pon en valor o enfoque automático avanzado, o zoom de alta calidade (conseguindo imaxes de alta calidade incluso en grandes distancias) e unha exposición precisa, conservando un nivel de detalle excepcional.

Pola súa banda, o Honor 200 asegurouse o cuarto posto do seu segmento, cunha puntuación global de 130. Para DXOMARK, os principais puntos a destacar son a exposición precisa do obxectivo (cun amplo rango dinámico na meirande parte das condicións), a estabilización para vídeos en movemento e o zoom de alta calidade.

Especificacións dos Honor 200 Pro e Honor 200

Anunciados en Europa hai aproximadamente un mes, a serie Honor 200 chegou co foco posto no rendemento fotográfico, combinando un hardware avanzado cun software meticulosamente optimizado. O Honor 200 Pro conta cunha cámara principal para retratos de 50 MP cun sensor superdinámico H9000, que permite un equilibro de luces e sombras, mesmo en situacións de baixa iluminación. Suma esta unha cámara de retarato teleobxectivo de 50 MP e un sensor de teleobxectivo personalizado por Sony.

Pola súa banda, o Honor 200 dispón dun sensor principal de 50 MP, complementado cun teleobxectivo óptico de 2,5x con zoom dixital de até 50x e un gran angular de 12 MP que fai as funcións e macro ao disparar a curtas distancias.

En canto á cámara frontal, os dous modelos coinciden en integrar unha cámara de 50 MP para conseguir autorretratos de gran calidade.

Ambos dispositivos integran unha pantalla OLED de 6,7 polgadas, con resolución Full HD+ e taxa de refresco de 120 Hz. Aínda que existen varias versións, en Europa comercialízanse actualmente con 12 GB de RAM e 512 GB de memoria interna, pero difiren no procesador. Mentres o Honor 200 Pro aposta por un Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3, o Honor 200 queda nun Snapdraon 7 Gen 3.

A batería é en ambos dispositivos de 5.200 mAh, con carga rápida de 100 W. O modelo Pro engade carga sen fíos de 66W e tamén a compatibilidade coa carga sen fíos inversa. Completando a ficha de especificacións técnicas da serie Honor 200 temos as redes 5G, NFC para pagos móbiles, Bluetooth 5.3 e lector de pegadas dixitais baixo a pantalla.

Dispoñibilidade e prezo

Aínda que ten un prezo oficial de 799 €, promocionalmente o Honor 200 Pro pódese adquirir por 699 €, cunha oferta que inclúe os Honor Earbuds X5, un cargador SuperCharge 100W e 6 meses de protección de pantalla.

De maneira análoga, o Honor 200 está dispoñíbel promocionalmente por 549 €, xunto cos Honor Earbuds X5 e o cargador SuperCharge 100 W de regalo. Fóra de promocións custa 649 €.

Sobre o autor

Reply