Watch 2R e Buds 3 Pro, os outros anuncios de OnePlus

OnePlus fixo esta semana unha actualización en todas as súas liñas de produto. Ademais do OnePlus Nord 4, e da tablet OnePlus Pad 2, o fabricante presentou tamén novos smartwatch e auriculares. Falamos do OnePlus Watch 2R e OnePlus Nord Buds 3 Pro.

O reloxo, o OnePlus Watch 2R, é un modelo inspirado no Watch 2, cun prezo máis accesíbel. Igualmente conta con funcións de seguemento da actividade e o benestar, pero facendo pequenos recurtes que permiten baixar o prezo e chegar a unha gama máis ampla de usuarias.

Entre as características que mantén destaca a súa batería de 500 mAh que permite 100 horas de duración e o uso de Wear OS by Google (Wear OS 4) como sistema operativo. Tamén a aposta por un sistema de dobre procesador, un Qualcomm Snapdragon W5 para as accións que requiren maior potencia, e un BES 2700 MCU para xestionar as actividades en segundo plano.

Integra 2 GB de RAM e 32 GB de ROM, e cumpre cos estándares 5 ATM e IP68 que certifican a resistencia á auga e pó, facendo que sexa un trebello apto para a natación. Na parte software, trae preinstaladas as aplicacións de Google como Wallet, Calendar ou Maps, permitindo pagar co reloxo ou recibir as indicacións do mapa para chegar ao noso destino.

A aplicación OHealth permite facer un seguemento da saúde e hábitos de vida saudábeis. Analiza diversos datos que permiten ver o rendemento e progreso, sendo quen de monitorear máis de 100 modos de adestramento. Entre eles inclúen deportes menos habituais, como o bádminton ou o esquí.

En canto aos auriculares, OnePlus anunciou os OnePlus Nord Buds 3 Pro, a terceira xeración dos seus auriculares TWS (True Wireless Stereo) de gama media. O seu punto forte é o sistema de cancelación de ruído a través dun rango de frecuencia ultra-amplo, capaz de silenciar a meirande parte dos sons externos.

Do son destaca o sistema de alta calidade e tons graves profundos, grazas á tecnoloxía propia BassWave 2.0. E en canto á autonomía, ofrece 12 horas de reprodución de música -coa cancelación de ruído desactivada- que se completan coa enerxía do estoxo de carga para ofrecer 44 horas totais. Con apenas 10 minutos de carga, proporciónanse 11 horas de reprodución adicional.

A conectividade que ofrecen é Bluetooth 5.4, que aporta unha transmisión de audio de alta calidade a baixa latencia. Son tamén compatíbeis con Fast Pair de Android, facendo que o proceso de vinculación co noso smartphone ou tablet sexa extremadamente sinxelo.

Dispoñibilidade do OnePlus Watch 2R e Nord Buds 3 Pro

O reloxo OnePlus Watch 2R está dispoñíbel en dúas cores, Forest Green e Gunmetal Gray, cun prezo de 279 €. Como promoción de lanzamento, pódese adquirir temporalmente por 249 €, coa posibilidade de recibir dous agasallos gratuítos: unha estación de carga valorada en 29,99 € e unha correa adicional, cuxo prezo é de 34,99 €.

Por outro lado, os OnePlus Nord Buds 3 Pro están dispoñíbeis en Starry Black e Soft Jade, cun prezo de 79 euros. Promocionalmente, polo seu lanzamento, pódense mercar por 69 €.

Facendo unha compra conxunta de ambos dispositivos pódese obter un desconto adicional, que pode ser moi interesante para actualizar dunha vez dous dos wearábeis máis usados.

Máis info | Watch 2R | Nord Buds 3 Pro

Sobre o autor

Reply