O novo realme C63 sube o nivel dos teléfonos de entrada

realme está a vivir un ano intenso neste 2024. Tal e como avanzou a empresa a comezos de ano, a compañía preparou o desembarco ao grande no noso país, co lanzamento de numerosos modelos que se adaptan ás necesidades dos diferentes segmentos de público.

O último modelo en chegar é o realme C63, un dispositivo de entrada que destaca por ofrecer características como a resistencia á auga (IP54), a carga rápida de 45W e varias funcionalidades de intelixencia artificial (IA) por baixo dos 200 euros.

O seu deseño tamén chama a atención, ao ter apostado por unha capa traseira fabricada en coiro vegano, un material que habitualmente está dispoñíbel en dispositivos de gamas superiores, e que ofrece unha sensación ao tacto premium.

Está equipado cunha pantalla de 6,74 polgadas, con resolución 1600 x 720 píxeles (HD+), e que ofrece unha taxa de refresco de 90 Hz. No seu interior temos un procesador UNISOC T612, de oito núcleos (2 x A75 a 1,8 GHz e 6 x A55 a 1,8 GHz), xunto 8 GB de memoria RAM (ampliábeis de maneira virtual en 8 GB adicionais) e 256 GB de memoria interna.

No apartado fotográfico tempos unha cámara principal de 50 MP con funcionalidades de IA, e con Google Lens integrado na propia aplicación. Do outro lado, na parte dianteira do dispositivo, o fabricante apostou por incluír unha cámara frontal de 8 MP con campo de visión de 78º.

A batería, como xa avanzamos, admite carga rápida de 45 W, o que permite ter a metade da súa capacidade cargada en 30 minutos, ou conseguir unha hora de autonomía de chamadas con tan só un minuto de carga. Dispón da certificación TÜV Rheinland Safe Fast-Charge System, que asegura que o teléfono conta cos máis altos estándares de seguridade nesta cuestión.

A súa conectividade móbil é 4G, e admite WiFi de dobre banda (2,4 e 5 GHz). Leva Bluetooth 5.0, dobre nanoSIM e ranura específica para tarxet microSD de ampliación de memoria. Como sistema operativo, leva Android 14.

Facendo uso da IA, realme introduce os Air Gestures e Rainwater Smart Touch nun modelo da serie C. Estas funcionalidades só estaban dispoñíbeis nas series GT, e se basean no coñecemento das necesidades diarias das usuarias para poder empregar o dispositivo sen as mans. Ademais, tamén incorpora un sistema de redución do ruído mediante IA para as chamadas.

Dispoñibilidade e prezo do realme C63

O realme C63 xa está dispoñíbel no noso país, onde ten un prezo de venda de 199 €. Como promoción de lanzamento, durante os meses de xullo e agosto pódese adquirir por 179 €.

As cores nas que está dispoñíbel, en todas as canles habituais, son o azul coiro e verde jade.

Máis info | realme

Sobre o autor

Reply