ZTE anuncia os novos nubia Z60 Ultra Leading Version e Z60S Pro

ZTE anunciou onte o lanzamento de dous novos smartphones potenciados por intelixencia artificial (IA). Trátase dos nubia Z60 Ultra Leading Version e do nubia Z60S Pro. Ambos modelos destacan polo seu rendemento e as súas capacidades de imaxe e audio inmersivo.

Características do nubia Z60 Ultra Leading Version

O nubia Z60 Ultra Leading Version está impulsado polo último procesador de referencia de Qualcomm, o Snapdragon 8 Gen 3. Entre as súas vantaxes destaca a capacidade de cálculo para IA de até 73 TOPS e de executar grandes modelos con até 10.000 millóns de parámetros. Pode combinarse con varias opcións de RAM e capacidade interna, até os 16 GB + 1 TB.

A pantalla é un panel AMOLED de 6,8 polgadas, cunha densidade de 400 píxeles por polgadas. Ofrece até 1500 nits de brillo e unha taxa de refresco de 120 Hz.

A súa batería, de ánodo de silicio e carbono, ten unha capacidade de 6000 mAh. Compleméntase coa tecnoloxía AI Zero power consumption 2.0, que proporciona unha maior duración da autonomía. Ademais ofrece carga rápida por cable de 80W.

O sistema fotográfico principal inclúe tres cámaras ópticas de alta definición, potenciadas por IA e respaldadas por tres unidades de estabilización óptica OIS. O sensor principal é o IMX906 de Sony, unha lente de 35 mm (50 MP). Compleméntanse cunha segunda cámara de 18 mm (50 MP, sensor de 1/1,55″) e unha terceira cámara retrato de 85 mm (64 MP, sensor de 1/2″). Na parte dianteira, temos unha cámara frontal situada baixo a pantalla de 12 MP.

Da súa conectividade destaca o 5G e WiFi7, así como a presenza de Bluetooth 5.4. Conta tamén con certificación IP68 de resistencia ao pó e auga, así como NFC para poder facer pagos móbiles.

Características do nubia Z60S Pro

Pola súa banda, o nubia Z60S Pro aposta polo procesador Snapdragon 8 Gen 2, combinado con varias opcións de RAM e capacidade interna. Igualmente, a máis ambiciosa acada os 16 GB de RAM e 1 TB de capacidade.

A pantalla é un panel AMOLED de 6,78 polgadas, queofrece unha resolución de 1260 x 2800 píxeles. Conta con taxa de refresco de 120 Hz e unh gama de cores do 100% DCI-P3.

O sistema de cámaras traseiro está liderado por un sensor principal de 50 MP. A el súmanse un ultra gran angular de 50 MP e un terceiro sensor de 8 MP. Na parte dianteira, a cámara para selfies é de 16 MP.

A batería ofrece igualmente carga rápida de 80W, aínda que con 5100 mAh de capacidade. Tamén rebaixa a conectividade a WiFi6 e Bluetooth 5.3, aínda que mantén características como o 5G ou o NFC.

Dispoñibilidade e prezo

Ambos os dous dispositivos estarán dispoñíbeis a partir do 12 de agosto, se ben xa é posíbel realizar pedidos anticipados a través da web de nubia. Deste xeito pódese acceder a descontos e agasallos exclusivos.

En canto a prezos, o nubia Z60 Ultra Leading Version parte dos 729 €, mentres que o Z60 S Pro faino dos 669 €.

  • Nubia Z60 Ultra Leading Version
    • 8 + 256 GB: 729 €
    • 12 + 256 GB: 779 €
    • 16 + 512 Gb 879 €
    • 16 GB + 1 TB: 979 €.
  • Nubia Z60 S Pro
    • 12 + 256 GB: 669 €
    • 16 + 512 GB: 769 €
    • 16 GB + 1 TB: 869 €

Máis info | nubia

Sobre o autor

Reply