MASORANGE e Vodafone anunciaron a firma dun acordo -confidencial e non vinculante- que establece os principais termos propostos para un acordo de uso compartido de redes a nivel estatal. Este acordo inclúe a creación dunha sociedade de rede de fibra compartida, que dará cobertura a uns 11,5 millóns de instalacións no conxunto do Estado, e que será a encargada da xestión da rede, dando servizo tanto a MASORANGE como a Vodafone.
Nun comunicado conxunto, ambas empresas confirman a disposición á entrada dun terceiro socio, que sería un inversor. Segundo apunta o diario económico Expansión, o peso das compañías sería desigual, do mesmo modo que tamén sería diferente o peso no control sobre a nova sociedade. MASORANGE aportaría uns 9 millóns de fogares, e Vodafone 3 millóns, de maneira que MASORANGE controlaría o 50% da sociedade, Vodafone un 10% e o terceiro socio o 40% restante.
En termos monetarios, calcúlase que o valor da sociedade de nova creación oscilaría entre os 7 e os 10 mil millóns de euros, o que lles permitiría obter un fluxo de caixa de entre 1.500 e 2.000 millóns coa venda dunha parte. En calquera dos casos, tal e como confirman MASORANGE e Vodafone no anuncio, a operación proposta está suxeita ao acordo final das partes e ás autorizacións regulatorias pertinentes.