SearchGPT, o buscador de OpenAI que quere competir con Google

OpenAI, a compañía que está detrás da ferramenta de intelixencia artificial (IA) xerativa ChatGPT, vén de anunciar o seu buscador: SearchGPT. Trátase dun novo motor de busca co que a compañía quere competir con Google, integrando a IA no proceso e aplicando unha nova forma de procuprar información.

A ferramenta presentada é aínda un prototipo en probas, que traballa combinando a potencia dos modelos de IA de OpenAI coa información que recolle da web, á que pode acceder en tempo real. Deste modo, aseguran que pode ofrecer respostas dun xeito moito máis rápido e eficiente, evitando ter que facer múltiples intentos para conseguir o resultado que se busca.

Os resultados ofrécense dunha forma máis gráfica, con enlaces simplificados das fontes relevantes das que bebe. Outro aspecto a destacar é que permite realizar preguntas complementarias ás buscas, fornecendo un xeito de proceder en modo conversa en base ao contexto que se xera con cada busca.

Como exemplo de como se amosan os resultados en SearchGPT, tal e como podemos ver na seguinte imaxe, se buscamos “Festivais de Música en Boone en agosto” o resultado é unha lista con datos relevantes destes festivais. Na columna da esquerda aparecerán as diferentes fontes que emprega para conseguir dita información.

Competencia e dispoñibilidade de SearchGPT

Aínda que semella ir un paso por detrás na implementación do IA, Google tamén traballa nun buscador semellante. No pasado mes de maio, durante a súa conferencia de desenvolvedores -Google I/O-, amosou o proxecto AI Overviews, que de modo semellante ao que acaba de presentar OpenAI combina a potencia da IA no buscador cos resultados que bebe das fontes web.

Tamén é evidente que estas novas ferramentas abrirán debates nos próximos meses, xa que, máis aló dos avances tecnolóxicos, está por ver cal é o criterio para considerar relevantes as fontes.

O acceso a SearchGPT está aínda limitado, pero as persoas interesadas poden apuntarse a unha lista de espera deixando o seu correo electrónico. Nun futuro, OpenAI pretende integrar SearchGPT directamente en ChatGPT.

Sobre o autor

Reply