En maio deste ano, xunto co anuncio do Pixel 8a, Google oficializou a chegada da súa Pixel Tablet, que foi anunciada no 2022 e viña comercializándose desde comezos do 2023 noutros mercados, como o estadounidense. Trátase dunha tablet de gama media, que ten no seu software un dos seus puntos fortes.
Durante as últimas semanas puidemos probar e analizar este produto a fondo, para facer a análise que vos traemos neste artigo, na que veremos o dispositivo desde diferentes prismas.
Deseño e acabados
A Pixel Tablet non destaca por ofrecer un deseño diferencial, manténdose nunha posición intermedia entre as opcións que temos no mercado. Conta cuns xenerosos marcos de arredor dun centímetro que nos permiten sostela con comodidade, esquinas redondeadas para facela máis cómoda e unhas dimensións nas que destacan os 493 gramos de peso e 8,1 mm de grosor.
O material predominante na súa fabricación é o aluminio, que ofrece unha sensación de calidade e máis fría, neutralizando a calor que poida provir do seu uso intenso. Tamén de limpeza, conseguindo que as pegadas dactilares non permanezan no tempo sobre o dispositivo.
O seu deseño está pensado para o uso -principalmente- horizontal. Nesa posición atopamos, no lateral dereito e esquerdo un total de catro altofalantes, dous en cada lado. O lateral esquerdo suma ademais o conector USB-C.
Na parte superior dereita temos os botóns de acendido (que incorpora lector de pegadas dixitais) e o control de volume. Como está deseñada pensando no uso horizontal, cando poñemos a tablet en vertical, estes botóns quedan no lado esquerdo, nunha posición pouco habtiual, á que nos custou un pouco acustumarnos.
Na parte inferior ten uns elementos alongados, pensados para que a tablet non esvare cando se coloca sobre unha superficie, como unha mesa. Isto pode resultar interesante, se temos en conta que un dos seus principais usos poida ser o de consumir contidos multimedia.
Que sexa tan igual por todos os ángulos dificulta coñecer en que posición se está a usar a tablet, ao poderse confundir eses elementos ao tacto coa botoneira. Iso levounos a que en máis dunha ocasión estivésemos a darlle voltas até atopar a posición correcta.
Finalmente, na traseira temos catro conectores que serven para cargar a tablet e transmitir información cando se usa coa base oficial que comercializa Google, que tamén ten un altofalante propio.
Hardware e rendemento
No seu interior destaca a presenza dun procesdor propio, o Google Tensor G2. Está deseñado pola propia Google, e fabricado nas instalacións de Samsung. Xunto a el, 8 GB de memoria RAM e opcións de 128 e 256 GB de memoria interna, non ampliábeis.
A súa conectividade queda na WiFi 6 e o Bluetooth 5.2. Dunha forma conservadora, Google prescindiu de versións máis recentes destas tecnoloxías (como o WiFi 6E, o WiFi 7 ou o Bluetooth 5.3. ou 5.4), así como tamén da conectividade móbil. Botamos de menos esta opción, que podería ser de interese especialmente para un público profesional que a poida necesitar. Se ben o certo é que a meirande parte das usuarias empregan estes dispositivos en entornos WiFi, podendo activar o tethering desde o seu smartphone para os momentos puntuais nos que poidan necesitar conectividade en lugares sen acceso a este tipo de redes.
Se falamos de rendemento, temos que dicir que este é bo. Os procesadores Tensor estanlle a funcionar moi ben a Google, ofrecendo en combinación con memorias RAM de 8 GB unha fluidez superior a outros dispositivos con características máis ambiciosas sobre o papel.
Durante os días que empregamos a tablet, en diferentes escenarios e atendendo diversas aplicacións e xogos, non tivemos ningún problema de fluidez, con velocidades de resposta rápidas e transicións practicamente inmediatas entre as diferentes aplicacións.
Pantalla e multimedia
A súa pantalla é un panel IPS LCD de 11 polgadas, con resolución 1600 x 2560 píxeles e formato de pantalla 16:10. O seu brillo máximo é de 500 nits, que queda por baixo do que están a ofrecer outros fabricantes en produtos similares máis actuais.
Google tampouco apostou por ofrecer unha tablet cunha alta taxa de actualización, que queda nos 60 Hz, se temos en conta que os estándares actuais superan os 120 Hz, e acadan en moitas ocasións os 144 Hz en trebellos similares.
Sacando isto, a pantalla ofrece unha visualización correcta, con amplos ángulos de visión e dous modos de cor: natural ou adaptativo. O primeiro, como o seu nome indica, ofrece as cores de forma máis natural, mentres que o modo adaptativo está pensado para achegar cores máis brillantes.
Dispón dun sistema de son formado por catro altofalantes, dous a cada lado, que ofrecen unha experiencia envolvente moi agradábel para o consumo de multimedia. Iso si, non dispón de conector jack de auriculares, polo que se queremos empregar este tipo de dispositivos deberemos optar por un uns que sexan Bluetooth ou conectalos ao porto USB-C.
Cámara
No apartado da cámara temos dous sensores idénticos, tanto na traseira como na parte frontal. Son sensores de 8 MP, con f/2.0, 24 mm e 1/4.0″, que ofrecen unha calidade suficiente para as videochamadas, principal función que teñen as cámaras neste tipo de dispositivos.
Como nos adoita pasar en todas as tablets que probamos, os resultados da cámara para facer fotos están lonxe dos que nos ofrecen os smartphones, mesmo das gamas máis modestas, polo que tampouco consideramos que sexa o dispositivo axeitado para este menester.
Software
O softare é un dos puntos fortes de todo dispositivo Pixel. A súa vantaxe principal está en ofrecer un sistema operativo limpo, sen exceso de aplicacións que pode que non usemos nunca (a excepción de moitas ferramentas de Google que veñen de serie).
Outra das súas vantaxes está na política de actualizacións, sendo dos primeiros dispositivos en recibir as últimas versións dispoñíbeis de Android. Partindo de Android 14, está previsto que reciba actualizacións de Android cando menos até xuño de 2026, e de seguridade até xuño de 2028.
Entre as peculariaridades a nivel software temos unha dobre barra de notificacións que nos permite acceder máis fácil a estas e aos axustes rápidos, ou a opción de dividir pantalla, que cada vez ofrecen máis dispositivos. Tamén destaca a posibilidade de crear diferentes perfís de usuarias, por se se trata dun dispositivo que empregan varias persoas do mesmo fogar, con axustos, apps e fotos diferentes en cada un deles.
A base, que se comercializa á parte, ofrece un modo que permite acceder a algunhas funcións cando a pantalla está bloqueada, como un marco de fotos dixital ou controis para o fogar intelixente. Unha base que pode ser unha boa compra se facemos videochamadas, se consumimos moito multimedia na casa ou se empregamos a tablet como complemento do ocio dixital e control domótico do fogar.
Batería
Para a batería, Google optou por ofrecer unha capacidade de 7020 mAh. Con ela conseguimos achegarnos á 11 horas de pantalla, unha autonomía que nos resultou moi satisfactoria para un dispositivo coma este.
Se queremos extender a duración desta podemos activar o aforro de enerxía, onde temos á nosa disposición dúas opcións: modo estándar e modo extremo. No estadar limítase a actividade en segundo plano, así como algúns dos efectos visuais, mentres que no extremo páusanse a maiores as aplicacións non esencias e as súas notificacións.
A velocidade de carga máxima é de 15W, coa que podemos ter a tablet completamente cargada en preto de 3 horas. Podería ter sido interesante incorporar algún sistema de carga a maior velocidade, visto o estado actual dos sistemas de carga rápida.
Conclusións
A Pixel Tablet chegou ao noso país ano e pico máis tarde do inicio da súa comercialización, que en tempos tecnolóxicos parece unha eternidade.
A tablet ofrece un deseño estándar, e unhas prestacións de gama media. E máis aló das promesas de Google de ter un dispositivo actualizado durante varios anos, non hai ningún elemento que destaque especialmente.
Para nós, o principal handicap que ten é o prezo, que parte dos 399 € na versión de 128 GB e sube até os 519 € na de 256 GB. A eles hai que sumar 100 € adicionais se complementamos a experiencia coa base.