Como xa avanzamos, Google prepara un evento centrado nos novos Pixel 9 para o próximo 13 de agosto. Por iso, a estas alturas xa se filtraron varios datos, incluídos os prezos dalgúns modelos. Desta vez tocoulle ao Pixel 9 Pro Fold -a versión encartábel ser o protagonista, cunha filtración que amosa o seu deseño en todo o seu esplendor.
O primeiro detalle que destaca é o cambio de nome, xa que a diferenza do que se pensaba, non se chamará Pixel Fold 2. Será un Pixel 9 Pro Fold e, como todos os dispositivos encartábeis que levan o apelido Fold, contará cun deseño tipo libro.
Comparado co seu predecesor, será un dispositivo algo máis alto. Tamén será máis ancho ca o Samsung Galaxy Z Fold6 recentemente presentado, conseguindo unha pantalla interior de maior tamaño.
Segundo esta filtración de OnLeaks, o dispositivo contará cunha pantalla externa cuberta de Actua Front de 6,3 polgadas. No interior, a pantalla será un panel Super Actua Flex de 8 polgadas. Tamén destaca que a cámara situada na pantalla interior non estará agochada baixo a pantalla, senón nun pequeno furado na mesma.
As novas imaxes do futuro Google Pixel 9 Pro Fold adiantan que -cando menos- vai estar dispoñíbel en dúas cores, negro e porcelana, aínda que poderían aparecer outros no momento da súa presentación.