A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de anunciar a súa decisión de desregularizar o mercado maiorista de acceso e orixe de chamadas desde as redes fixas. Este mecado establece como acceden á rede de telefonía fixa os operadores alternativos a Telefónica, empresa que deixará de ter obrigas en seis meses.
Un mercado á baixa
Cada día hai menos liñas de telefonía fixa comercializadas sen Internet asociado. Estes servizos representaban menos do 10% das liñas a finais de 2023.
As operadoras interesadas en dar servizo de telefonía fixa a través da rede de cobre -empaquetado ou non con banda ancha- viñan recorrendo ao mercado de acceso e orixe fixa cando non dispuñan de acceso directo ao cliente. Até o de agora Telefónica estaba obrigada a dar acceso a estes operadores alternativos, concretado na chamada oferta maiorista AMLT.
Os operadores que prestan servizo de telefonía fixa empregan fundamentalmente as redes de fibra, ben sexa por medios propios ou a través de servizos maioristas como NEBA local ou NEBA fibra. E cando precisan activar unha liña fixa, adoitan optar por servizos baseados na rede móbil (acceso fixo radio), até o punto de que a finais de 2023 o 76,10% das liñas de acceso fixo xa se viñan prestando desta maneira.
A CNMC afirma ter constatado que os servizos minoristas de telefonía fixa teñen condicións relativamente competitivas. Entre os anos 2017 e 2023, a cota de mercado de Telefónica en termo de liñas reduciuse en máis de 5 puntos, do 47,08% ao 41,79%.
Por outra banda, tamén hai que ter en conta o abandono das redes de cobre por parte dos operadores alternativos, o que fai que se reduzan as liñas maioristas AMLT. Este proceso acelerouse aínda máis polos anuncios de Telefónica de peche das centrais de cobre.
Por todo iso, a CNMC decidiu desregularizar o mercado e levantar as obrigas ás que actualmente ten impostas Telefónica. Algo que será efectivo nun prazo de seis meses.