Analizamos o monitor LG UltraGear 27GR95QE

Escoller un monitor axeitado para xogar ou para traballar non é unha tarefa doada. Ao gran número de marcas, modelos, tecnoloxías e características hai que sumar tamén o orzamento que temos dispoñíbel para investir.

A ninguén se lle escapa que o mundo do gaming evolucionou significativamente na última década, con avances que permitiron unha experiencia de xogo máis inmersiva e realista. Os monitores de alta gama xogan un papel crucial nesta experiencia, e o o LG UltraGear 27GR95QE que vimos de probar posiciónase como unha das opcións máis destacadas do mercado actual.

Promete unha combinación de rendemento superior, calidade de imaxe excepcional e caracterísitcas especificamente deseñadas para o público gamer. A continuación iremos vendo este modelo polo miúdo.

Deseño

O deseño no mundo gaming é un aspecto que adoita ter un peso destacado. O LG UltraGear 27GR95QE non decepciona neste sentido, cun deseño que suma elegancia e “agresividade” para non deixar a ninguén indiferente.

O seu acabado, en negro mate, dálle un aspecto moderno e á vez sofisticado. Conta cun marco delgado, que permite unha maior inmersión na pantalla, fuxindo das distracións innecesarias. Na parte posterior, o seu deseño é limpo, cun sistema de iluminación en forma de dobre fecha que completarían un hexágono.

Esta iluminación LED pódese configurar para que amose unha cor fixa, ou que vaia rotando de maneira progresiva entre os catro tons elixidos. Se ben hai opcións moito máis completas, a solución de LG resulta suficiente para crear un ambiente acolledor.

A construción semella robusta, con materiais de alta calidade que garante a durabilidade e resistencia. A base, coa forma de dous lados de triángulo, é sólida e estábel, proporcionando un soporte firme que evita calquera movemento ou vibración durante as sesións de xogo máis intensas.

Por suposto, LG coidou tamén a ergonomía, permitindo o axuste en altura, inclinación e xiro, mesmo a colocación en posición vertical. Con isto conséguese un alto grao de personalización, adaptándose ás diferentes necesidades das usuarias.

Panel e calidade da imaxe

Non cabe dúbida de que a calidade de imaxe é o aspecto máis crítico dun monitor gaming. O LG UltraGear 27GR95QE promete unha experiencia visual de gama alta, cun panel OLED de 27 polgadas con resolución de 2560 x 1440 píxeles (QHD).

Os paneis OLED son coñecidos polas súas cores vivas e -sobre todo- polos seus negros profundos. O LG UltraGear 27GR95QE non é unha excepción. A resolución QHD é axeitada para xogos, ofrecendo o equilibro entre calidade de imaxe e rendemento, pero tamén resulta interesante para consumo de producións de cinema.

Ofrece unha cobertura de cor DCI-P3 do 98,5 %, o que se traduce en cores ricas e precisas. O contraste é outro dos seus puntos fortes, grazas á tecnoloxía OLED, cos seus negros e un rango dinámico que mellora a profundidade e realismo das imaxes. Unha combinación beneficiosa en xogos con gráficos detallados e escenarios escuros.

O seu brillo é de 200 nits, algo inferior a outros modelos da competencia, e ten soporte para HDR10, que permite unha experiencia visual mellorada en xogos e contidos compatíbeis, ao ofrecer un rango dinámico ampliado que fai que as escenas brillantes sexan máis deslumbrantes e as sombras máis detalladas.

Adaptándose ás demandas do mundo gaming, o LG UltraGear 27GR95QE soporta unha taxa de refresco de 240 Hz. Combinada cun tempo de resposa de 0.03 ms, asegura que as imaxes se actualicen case instantaneamente.

Experiencia en xogos

A alta taxa de refresco e o baixo tempo de resposta tradúcense nunha experiencia de xogos con movementos fluídos e interacción co entorno instantáneo. É compatíbel tanto coas tecnoloxías G-Sync de NVIDIA como FreeSync de AMD. Ambas sincronizan a taxa de refresco do monitor coa taxa de cadros por segundo da tarxeta gráfica.

Ofrece varios medios de xogo preconfigurados, optimizados para diferentes xéneros. Estes axustan automaticamente a configuración do monitor, para ofrecer unha mellor experiencia visual. Que o prefira, tamén pode personalizar e gardar os seus propios perfís de configuración.

Conectividade

O LG UltraGear 27GR95QE vén cunha gran variedada de opcións de conectividade, incluíndo dous portos HDMI 2.1, un porto DisplayPort 1.4 e varios portos USB. Tamén con conexión óptica para audio. Con isto o fabricante garante unha ampla gama de dispositivos, que inclúen tanto ordenadores de alto rendemento até as consolas de última xeración, como a PlayStation 5.

A inclusión do HDMI 2.1 é particularmente notábel, xa que permite o uso de todas as capacidades do monitor, como a alta taxa de refresco ou o soporte para HDR, mesmo en dispositivos máis modernos. Pola contra, e por poñerlle un “pero”, podería ter sido interesante incluír DisplayPort 2.1, compatíbel coas novas AMD.

Conclusións

O LG UltraGear 27GR95QE é un monitor gaming de alto rendemento que cumpre con creces as expectativas das xogadoras máis esixentes. A súa combinación dunha taxe de refresco ultrarrápida de 240 Hz, tempo de resposta practicamente instantáneo e a calidade do panel OLED convírteno nunha opción destacada no mercado dos monitores gaming.

Ademais, as súas características adicionais, como a compatibilidade con G-Sync e FreeSync, a diversidade das opcións e conectividade (incluíndo HDMI 2.1) e o deseño ergonómico fan que este monitor sexa unha opicón completa e versábeil.

O seu prezo pode ser un factor disuasivo para algunhas persoas, mais tras as probas, consideramos que a inversión está xustificada pola calidade e rendemento que ofrece. Oficialmente custa 1049 €, mais en Amazon está rebaixado nun 31%, quedando en 723 €.

Sobre o autor

Reply