A OnePlus Pad 2, dispoñíbel desde hoxe por 549 €

OnePlus anunciou novos dispositivos hai unhas semanas nun evento en Milán, entre eles a tablet OnePlus Pad 2. Hoxe chega ao mercado de forma oficial, logo dun período de prevenda no que superou nun 300% o número de vendas da súa predecesora.

A nova tablet de OnePlus é un dispositivo de gama alta, con pantalla IPS de 12,1 polgadas, resolución 3000 x 2120 píxeles e formato 7:2. Destaca tamén polo seu brillo máximo de 900 nits, unha taxa de refresco de 144 Hz e por ser compatíbel con Dolby Vision.

Dándolle vida a este novo produto temos un procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 3, xunto con 12 GB de RAM e 256 GB de memoria. A súa batería é de 9512 mAh con carga rápida de 67W, e as súas cámaras de 13 e 8 MP, para traseira e frontal respectivamente.

Como sistema operativo leva Android 14, coa personalización OxygenOS 14, e complementando a folla de especificacións temos WiFi e NFC como opcións de conectividade.

Accesorios da OnePlus Pad 2

A OnePlus Pad 2 chega con novos accesorios, como o OnePlus Stylo 2 (un lapis con 16.000 niveis de sensibilidade) ou o OnePlus Smart Keyboard, un teclado con inclinación axustábel de até 165 graos.

Tamén está a disposición das usuarias unha fonda oficial adaptada á nova tablet de OnePlus, a OnePlus Folio Case.

Dispoñibilidade e prezo da OnePlus Pad 2

A OnePlus Pad 2 xa está dispoñíbel no noso país por 549 €. En canto aos accesorios, o OnePlus Smart Keyboard custa 149 €, o OnePlus Stylo 2 está dispoñíbel por 99 € e a funda OnePlus Folio Case 2 por 59 €.

Como oferta promocional, até o 30 de agosto OnePlus ofrece un desconto directo de 50 € e dous artigos de regalo: un adaptador de carga SuperVOOC de 80W (valorado en 29,99 €) e un OnePlus Stylo 2 (99 €) ou unha funda OnePlus Folio Case 2 (59 €). O estudando desfruta ademais dun 10% de desconto adicional en todos os produtos.

Sobre o autor

Reply