Novo SPC Discovery 2 Me: 256 GB e gran pantalla a prezo reducido

SPC vén de anunciar o lanzamento dun novo modelo de smartphone, o SPC Discovery 2 Me. Trátase dun dispositivo que por un prezo reducido ofrece algunhas características moi interesantes. Entre elas destacan a súa pantalla de gran formato, 256 GB de memoria e Android 14 como sistema operativo.

A pantalla é un panel de alta definición (HD+) de 6,75 polgadas, con tecnoloxía IPS InCell e unha taxa de refresco de 90 Hz. No interior atopamos un procesador de oito núcleos a 1,6 GHz. E xunto a el, 6 GB de memoria RAM expandíbeis até 14 GB mediante RAM virtual a partir da memoria interna, de 256 GB. Esta capacidade de almacenaxe pode ampliarse mediante tarxetas microSD de até 512 GB.

A súa cámara traseira está formada pola combinación de tres sensores, sendo o principal de 50 MP. Ofrece capacidades de intelixencia artificial (IA) para a detección de escena e gravación de vídeo en 1080p a 60 fps. Na parte dianteira, o dispositivo inclúe unha cámara para autorretratos de 8 MP.

A batería do SPC Discovery 2 Me é de 5.000 mAh, con carga de 18 W (de 0 a 100 en 1,5 horas). Como curiosidade, pode funcionar como powerbank grazas a unha función de carga inversa que permite dar enerxía a outros dispositivos.

Malia ser un equipo económico, non renuncia a características como o NFC par pagos móbiles ou a incorporación do sensor de pegadas dixitais.

Dispoñibilidade e prezo do SPC Discovery 2 Me

O SPC Discovery 2 Me está dispoñíbel nun ton azul escuro por 159,90 €, podéndose adquirir a través da páxina do fabricante.

Sobre o autor

Reply