Norton, unha das marcas de ciberseguridade do grupo Gen, vén de reinventar a súa Rede Privada Virtual (VPN) para presentar a nova Norton Ultra VPN. Unha ferramenta que combina velocidade e fiabilidade con novas funcións avanzadas de seguridade, privacidade e identidade. Deste modo, destaca por ofrecer ás usuarias un novo nivel de protección fronte ás ameazas cibernéticas actuais.
Para facilitar unha navegación en liña segura, permitir tomar o control da privacidade e gozar do acceso ao contido favorito en calquera lugar, todas as VPN de Norton ofrecen agora unha serie de características comúns. Entre elas, o acceso a contidos globais, as actualizacións de compatibilidade de servizos e unha maior variedade de protocolos para que as persoas poidan elixir a súa experiencia en liña.
Ademais, as VPN de Norton inclúen detección avanzada de estafas baseándose na intelixencia artificial (IA), tanto nos dispositivos móbiles como en escritorio. Así mesmo, Norton mellorou recentemente a súa política de non-log, que foi auditada por un terceiro independente, dando á clientela a confianza de que a súa privacidade está protexida.
Principais novidades de Norton Ultra VPN
As novidades de Norton Ultra VPN veñen afectan a tres grandes áreas: a da privacidade, a seguridade e a identidade.
En canto á privacidade, por unha banda temos o VPN, unha conexión privada a Internet rápida, segura e fiábel. E por outra, o monitor de privacidade (só en EEUU e Canadá), que escanea os sitios web de busca de persoas na procura de información persoal exposta cada 90 días, axudando a excluírse destes sitios web.
No que ten a ver coa seguridade, destacan a protección contra malware e estafas, o control parental e o xestor de contrasinais. O primeiro bloquea sitios web perigosos e axuda a manter a raia o malware, ransonware, phising e outras estafas, con protección en tempo real. O control parental sinala a localización dos dispositivos Android, establecendo límites por localización física, así como tamén o bloqueo de web que poidan ser daninas. Por último, o xestor de contrasinais ofrece un almacén cifrado que detecta contrasinais duplicadas e suxire novas formas de mellorar a seguridade.
Por último, en canto á identidade, destaca a vixilancia da Dark Web. Esta ferramenta notifica se a nosa información persoal, enderezos de correo electrónico, números de teléfono ou datos de tarxetas bancarias foron expostos e atopados na Dark Web, de maneira que se poidan tomar as medidas necesarias.
Novos plans de Norton Ultra VPN
Non todos os plans de Norton inclúen todas as características anteriormente comentadas. Norton reorganizou a oferta, e pasa a ofrecer tres plans de VPN globais, adaptándose ás diferentes necesidades das usuarias:
- Norton Secure VPN: destinado a particulares que precisan un servizo VPN rápido, doado de usar e fiábel (80 $/ano, o primeiro ano 40 $). Pódese ter instalado en 5 dispositivos.
- Norton Ultra VPN: para particulares e parellas que buscan unha protección adicional de seguridade e privacidade, engadindo antivirus e información sobre resultados na dark web (110 $/ano, 50 $ o primeiro ano). Igualmente, pódese instalar en 5 dispositivos.
- Norton Ultra VPN Plus: orientado a familias, engade ferramentas orientadas á protección de menores, incluíndo localización de dispositivos (130 $/ano, 60 $/ano durante o primeiro). É utilizábel en até 10 dispositivos por conta.
Dispoñibilidade de Norton Ultra VPN
Norton Ultra VPN está dispoñíbel desde hoxe e é compatíbel coas plataformas Windows, Mac, Android e iOS, protexendo ata dez dispositivos no nivel máis alto.
Máis info | Norton