Pode que nun primeiro vistazo pensases que iamos falar do icónico razr V3. Non é para menos. O Motorola razr 50 Ultra, anunciado hai pouco máis dun mes, está inspirado naquel modelo encartábel da época dos teléfonos tipo cuncha. E tras os anuncios, agora está dispoñíbel para mercar no noso país nunha nova e brillante cor: Hot Pink.
Está equipado cunha pantalla interna encartábel pOLED de 6,9 polgadas, e unha externa para cando usamos o teléfono pechado de 4 polgadas. Ambas as dúas veñen con resolución FHD+, así como taxa de refresco de 165 Hz.
Leva no seu interior un procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen 3, xunto con 12 GB de RAM e 512 GB de memoria interna. A súa batería é de 4.000 mAh, con carga rápida de 45W e carga sen fíos de 15W. E se falamos de conectividade temos que destacar o WiFi 6, Bluetooth 5.3 e NFC.
No apartado fotográfico temos unha cámara traseira formada por dous sensores de 50 MP. O principal, con f/1.7 e OIS, e o segundario un telefoto con f/2.0 e zoom 2x. Compleméntase cunha cámara de 32 MP e f/2.4 para cando empregamos o teléfono aberto.
Dispoñibilidade e prezo do Motorola razr 50 Ultra Hot Pink
O novo Motorla razr 50 Ultra Hot Pink xa está dispoñíbel no noso país, onde se pode mercar a través da web de Motorola. Aínda que o seu prezo oficial é de 1.199 €, actualmente está rebaixado a 1.099 €, incluíndo ademais de regalo uns auriculares sen fíos Moto Buds.
Ademais desta vibrante cor, o Motorola razr 50 Ultra Hot Pink pódese adquirir en cores máis clásicas, como azul, verde ou pexego.
Máis info | Motorola