A Comisión Europea calcula que cada ano xeranse no conxunto da Unión Europea 35 millóns de toneladas de refugallos electrónicos. A estes súmanse 30 millóns de recursos desperdiciados e 261 millóns de toneladas de emisións de gases de efecto invernadorio. Por iso, tras varios anos dándolle voltas, en abril deste aprobouse a reforma das normas de protección das consumidoras que establecen o “dereito a reparar“, que agora vén de entrar en vigor.
Esta reforma ten como principal obxectivo extender a vida útil dos produtos tecnolóxicos, reducindo a xeración de residuos a través do fomento da sostibilidade e a economía circular. Deste modo, cando ás usuarias se lles avaríen dispositivos como televisores, lavadoras, teléfonos móbiles, tablets… poden exixir a reparación do mesmo no canto do seu cambio, estando obrigado o fabricante a prorrogar doce meses a garantía do dispositivo.
Outra das obrigas da nova norma europea ten que ver cos prazos, establecendo que estes sexan razoábeis. E de forma análoga, as reparacións -no caso de que non sexan gratuítas -tamén deberán ter un prezo razoábel para fomentar a opción da reparación fronte o reemprazo.
Non se esquece a norma de lexislar o dereito das consumidras a recibir un dispositivo de substitución en préstamo mentres se repara o aparello electrónico avariado, podendo elixir como alternativa unha unidade que fose reacondicionada.
Prazo de adaptación á nova norma
Toda vez que a nova norma entrou en vigor o pasado 30 de xullo, os Estados membros dispoñen dun prazo de dous anos -até o 31 de xullo de 2026- para integrar este marco europeo nas súas respectivas lexislacións estatais.
Nesta integración da norma, os Estados poden decidir ampliar os períodos mínimos establecidos pola Comunidade Europea, mellorando a protección das e dos consumidores dos seus territorios.