Google ten todo preparado para anunciar, o próximo día 13, a nova serie de dispositivos Pixel 9. Ao longo das últimas semanas fomos coñecendo diferentes detalles destes dispositivos, incluído o que será o modelo encartábel.
Mais no evento non só se vai falar de teléfonos. O fabricante tamén prepara o lanzamento de -cando menos- un novo Chromecast, un novo Nest e un novo cargador USB-C. Precisamente o deseño e características deste último veñen de ser filtradas.
O primeiro que destaca é o cambio de deseño, que pasa de ser cadrado a ter un formato máis redondeado, na liña dos produtos que está a lanzar Google. Porén, o máis destacado témolo nas súas características de carga, que pasan a ser de 45W, no canto dos 30W do modelo actual.
Estas características de carga distan moito do que ofrecen fabricantes como OPPO ou OnePlus, mais supoñen un importante salto cualitativo para as usuarias de dispositivos Google. Isto fai pensar, con toda lóxica, que os novos dispositivos de Google serán compatíbeis con este sistema de carga rápida.
Como a meirande parte dos fabricantes, Google deixou de incluír o cargador na caixa dos seus produtos, comercializándoo de forma independente. O modelo actual véndese por 29 €, mais é probábel que o novo teña un prezo superior.