A serie Galaxy S24 de Samsung foi a primeira da compañía en contar con Galaxy AI, o conxunto de ferramentas do fabricante baseadas no uso da Intelixencia Artificial (IA). Unhas funcións que tamén chegaron no lanzamento dos recentemente presentados Galaxy Z Fold6 e Flip6.
Co tempo, estas funcións chegaron a outros dispositivos de gama alta de Samsung (series Galaxy S22, S24, Z Fold5 e Flip5), e axiña será a quend de novos modelos. E nestes novos modelos estarán dous smartphones da serie Galaxy A, concretamente os Galaxy A55 e Galaxy A35. Ambos os dous trebellos serán os primeiros terminais de gama media da compañía en recibir as funcións de intelixencia artificial mediante unha actualización de software.
Así o confirma Sammobile, de maneira que nas próximas semanas funcións como a tradución de chamadas en tempo real, rodea para buscar ou o novo navegador de Samsung potenciado con IA estarán a disposición destes dous modelos intermedios.
Será coa actualización One UI 6.1.1., que segundo o calendario previsto chegaría nos últimos días deste mes de agosto. Con todo, non o farán con todas as funcións que coñecemos do portfolio Galaxy AI, de maneira análoga ao acontecido cos S22.