Tal e como adiantamos onte, temos novo Chromecast. Porén, o novo dispositivo chegou antes do previsto e cambia de nome. Falamos do Google TV Streamer, que adiantándose ao evento de presentación de dispositivos hardware de Google -previsto para o próximo día 13-, vén de ser anunciado.
A diferenza dos modelos anteriores de Chromecast, que se viñan situando na parte traseira das nosas teles colgando do HDMI, o novo Google TV Streamer é un dispositivo con forma de TV Box. Combina un novo deseño minimalista, con funcionalidades adicionais para converterse -ademais de nun sistema de entretemento- nun centro de control para o noso fogar intelixente.
Características do novo Google TV Streamer
O Google TV Streamer ten como sistema operativo Android TV, e conta cun procesador actualizado (sen moitos máis datos). No interior atopamos máis RAM e capacidade interna, con 4 GB e 32 GB, respectivamente. En canto á conectividade, temos WiFi ac e Bluetooth 5.1, ademais de contar con portos físicos USB-C para carga e datos, HDMI 2.1 e Ethernet de 1 Gbps.
Soporta vídeo Dolby Vision, HDR10, HDR10+ e HLG a resolución 4K HDR e 60 fps. E como formatos de audio conta con Dolby Digital, Dolby Digital Plus e Dolby Atmos.
O seu mando a distancia dispón de micrófono para poder introducir comandos de voz, e como novidade, tamén é capaz de sonar se activamos a función para buscalo (o Streamer conta cun botón específico para esta función).
Control do fogar
Mais aló das súas funcionalidades para facer intelixente a nosa televisión, Google tamén introduciu novidades para que o dispositivo funcione como un centro de control da domótica. Para iso engadiu a compatibilidade para Matter e un router fronterizo de Thread.
Por suposto, a intelixencia artificial tamén fai acto de presenza no novo Google TV Streamer da man de Gemini. Porén, haberá que agardar ao evento do próximo martes para ver como se concreta esta integración.
Dispoñibilidade e prezo do Google TV Streamer
O Google TV Streamer custará 119 euros, e chegará ao noso país o 24 de setembro tanto á Google Store como a Amazon. Poderase adquirir unicamente en cor branco (porcelana).