As competicións de vela dos Xogos Olímpicos de París 2024, celebradas na cidade de Marsella, tiveron como protagonistas non deportivos aos Galaxy S24 Ultra de Samsung. O fabricante surcoreano é o principal socio tecnolóxico dos Xogos, e ademais de agasallar a todas as deportistas cunha edición especial do Galaxy Z Flip6, tamén ideou o uso dos S24 Ultra como complemento para a retransmisión da cerimonia de inauguración e das competicións de vela.
A través de smartphones Galaxy S24 Ultra instalados en cada barco, e tamén en varias boias, as afeccionadas puideron vivir a regata de vela como se estivesen abordo das embarcacións dos seus deportistas favoritos. No caso das probas de kitesurf e windsurf, colocáronse tamén smartphones nos ombreiros das deportistas.
Samsung, en colaboración co Comité Olímpico Internacional (COI), Olympic Broadcasting Services (OBS) e outros socios olímpicos como Orange (provedor dunha rede 5G+ privada), implementou software e tecnoloxía optimizada para facilitar a gravación e transmisión destas imaxes inéditas.
Para garantir a calidade do vídeo e o rendemento da conectividade, superáronse varios meses de investigación e probas. Deste modo, conseguiron atallar o problema da conectividade en distintas masas de auga e ante condicións meteorolócas que poden ser moi violentas, con grandes ondas ou temparaturas altas con ceos soleados.