A AMETIC (Asociación Multisectorial de Empresas da Electrónica, as Tecnoloxías da Información e Comunicación) celebrará do 2 ao 4 de setembro de 2024 o 38º Encontro da Economía Dixital e as Telecomunicacións en Santander. Este evento, que forma parte dos cursos de verán da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), contará coa participación de destacados representantes do sector empresarial, público e académico, tanto a nivel nacional como internacional.
Baixo o lema “Colaboración en acción. Listos para o cambio”, o evento analizará o presente e futuro do sector dixital, promovendo a colaboración entre países, territorios, compañías e a administración pública. Un dos temas centrais do encontro será o concepto “technology for good” (tecnoloxía para o ben), un enfoque que AMETIC leva promovendo durante anos e que terá unha mesa de debate específica para discutir a súa relevancia e aplicación.
Tres eixos chave para o debate
O evento estará estruturado en tres xornadas, cada unha delas centrada nun tema principal. Partindo da insdustria e a autonomía estratéxica, avanzarase tamén pola intelixencia artificial e os cambios sociais e na formación. Finalmente, falarase de ciencia, innovación e produtividade.
O primeiro dos días abordará a necesidade dun pacto de Estado para a reindustrialización, destacando temas como a sostibilidade enerxética, a industria conectada e descarbonizada, e a saúde dixital.
Na segunda xornada, o foco estará na intelixencia artificial e a súa relación co cambio social e a educación. AMETIC presentará a súa proposta para un pacto de Estado por unha educación adaptada aos retos dixitais. Ademais, haberá unha mesa adicada ao concepto technology for good, destacando a importancia de utilizar a tecnoloxía de forma positiva para a sociedade.
Xa na última xornada, afondarase na ciencia e a innovación como motores de produtividade. Debaterase sobre a necesidade dun pacto de Estado de Innovación, e contarase coa participación de destacados científicos.
Innovación e colaboración como motores do cambio
Durante o evento, AMETIC presentará a súa estratexia de microelectrónica para España, unha proposta colaborativa que busca fortalecer o tecido industrial do país.
Outro aspecto destacado do encontro será a presentación do Barómetro da Economía Dixital de AMETIC 2024, que proporcionará datos relevantes sobre o impacto do sector dixital no PIB español. Tamén se presentarán os resultados do primeiro polo do Instituto Ricardo Valle, de Málaga, con vistas a replicar este modelo en outras comunidades como Cantabria, Aragón ou Navarra.
Ademais, o encontro será o escenario para o recoñecemento ás empresas que mellor adoptaron a transformación dixital grazas ás novas tecnoloxías, co “Premio AMETIC á Excelencia en Tecnoloxías Cuánticas 2024”.