O mercado dos smartphones continúa a evolucionar a pasos axigantados, e o Motorola edge 50 Ultra, anunciado en xuño, destaca como unha das grandes apostas deste ano. Este dispositivo, vén de ser recoñecido entre os cinco mellores sistemas de cámara de smartphone do mundo en 2024 por DXOMARK, reafirmando o compromiso de Motorola coa innovación tecnolóxica e a excelencia en fotografía móbil.
Un sistema de cámara de primeira clase
O Motorola edge 50 Ultra está equipado cun obxectivo principal de 50 MP, un teleobxectivo de 64 MP con zoom óptico 3x e Super Zoom 100x, un ultra gran angular de 50 MP con visión macro e unha cámara selfie de 50 MP con autoenfoque. Con esta configuración, o trebello está deseñado para capturar cada detalle con precisión e realismo.
Segundo DXOMARK, laboratorio tecnolóxico recoñecido pola súa meticulosa avaliación da calidade dos dispositivos, o Motorola edge 50 Ultra obtivo unha puntuación de 146, posicionándose entre os mellores do ano. Este resultado é froito de anos de investigación e desenvolvemento nos centros de I+D de Motorola en Estados Unidos, Brasil e China.
Innovación e IA: a clave do éxito de Motorola
O éxito do sistema de cámaras do Motorola edge 50 Ultra non é froito do azar. A marca integrou tecnoloxías de hardware de última xeración e avanzadas funcións de software baseadas en Intelixencia Artificial (IA) para ofrecer unha experiencia de usuario intuitiva e eficiente. A tecnoloxía moto ai mellora significativamente o rendemento da cámara, garantindo imaxes e vídeos de alta calidade en todo momento.
Un exemplo destacable é o novo Sistema de Mellora Fotográfica, que axusta automaticamente os parámetros da cámara para optimizar cada disparo. Ademais, o Plano de Acción, outra innovación de Motorola, axusta a velocidade de obturación en función das condicións de luz, evitando fotos borrosas en escenas de acción.
Outro dos puntos fortes do Motorola edge 50 Ultra é a súa certificación Pantone Validated, que asegura unha representación precisa das cores e tons de pel, tanto na captura das imaxes como na súa visualización na pantalla. Esta característica é especialmente importante para as usuarias que valoran a fidelidade cromática nas súas fotos e vídeos.
Outras prestacións do Motorola edge 50 Ultra
Máis aló da fotografía, o Motorola edge 50 Ultra ofrece outras características destacadas, que inclúen unha pantalla P-OLED de 6,7 polgadas con resolución 2.5K e taxa de refresco de 144 Hz. No interior temos un procesador Qualcomm Snapdragon 8s Gen3, 16 GB de RAM e 1 TB de capacidade interna.
A batería é de 4.500 mAh, con carga rápida de 125W, que lle permite cargar o 100% da súa capacidade en 20 minutos.
Pódese adquirir en diversas cores por 999 €.