O sector das telecomunicacións no conxunto do Estado, que foi un referente en Europa polo seu rápido e extenso despregamento de redes de fibra óptica, está a atravesar un momento complicado. En 2024, o freo na inversión por parte de grandes operadoras como Telefónica, MASORANGE e Vodafone está a causar estragos nas subcontratas dedicadas á instalación destas infraestruturas, o que podería ter consecuencias devastadoras para moitas destas empresas.
Un mercado saturado e fusións que cambian as regras do xogo
A penetración da fibra óptica supera o 70% do territorio Estatal. En Galiza, por provincias temos unha maior penetración en Pontevedra, co 82,06%; seguida de preto pola Coruña, co 80,23%); Ourense, co 71,37%; e finalmente Lugo, co 63,66%, por baixo da media estatal.
Estas cifras sitúan ao noso país, nos primeiros postos de penetración de fibra de Europa, xunto con Islandia e Portugal. Porén, este éxito levou a unha situación de saturación, onde cada vez quedan menos áreas sen cubrir. Unha madurez do mercado que provocou que as grandes operadoras decidisen frear os seus investimentos.
Ademais, as fusións e adquisicións no sector alteraron o panorama competitivo. A unión entre Orange e MásMóvil, por exemplo, reduciu a necesidade de despregar redes duplicadas, un movemento que impacta directamente nas subcontratas que dependen destes proxectos. As fusións non só reconfiguraron o mercado, senón que pausaron novos investimentos mentres se axustan as estratexias corporativas.
Despedimentos e menos proxectos: o impacto nas subcontratas
As subcontratas que se encargaron durante anos de despregar a fibra óptica en todo o país están a ver como os seus ingresos diminúen drasticamente. Compañías como Zener e Cobra, que foron fundamentais na expansión destas redes, xa comezaron a realizar despedimentos debido á falta de novos proxectos. Segundo fontes do sector, este parón nos investimentos foi especialmente pronunciado desde finais do primeiro trimestre de 2024, con Telefónica liderando a redución de novos despregamentos.
A situación é crítica para estas empresas, que dependen case exclusivamente dos contratos coas grandes operadoras. Con menos proxectos no horizonte, as perspectivas a curto prazo son incertas e preocupantes.
Porén, este parón investidor non é un fenómeno novo. Xa en 2023, as principais operadoras comezaron a reducir o seu capital de investimento (capex) en España. Telefónica, por exemplo, reduciu esta ratio un 4,1% o ano pasado, e aínda que no Estado español aumentou o seu investimento para pechar a rede de cobre, a tendencia xeral é de recorte. Orange, antes da súa fusión con MásMóvil, experimentou unha caída do 6,7% no seu investimento, mentres que Vodafone rexistrou un descenso do 3%.
Este descenso xeneralizado reflicte un cambio de estratexia no sector, onde a consolidación do mercado e a saturación das redes de fibra óptica levaron a unha reevaluación das prioridades de investimento.
Outros proxectos e revisións de futuro
A pesar do freo no investimento en fibra óptica, non todo é negativo para o sector das telecomunicacións. Os proxectos de fibra no rural, como os que en Galiza están a liderar as operadoras Rede Aberta, Avatel e outras empresas de carácter local, ou a entrada de novos actores como Digi, que buscan desenvolver as súas propias infraestruturas, poderían ofrecer algo de alivio a estas empresas subcontratas afectadas.
Tamén é evidente que xurdirán novas oportunidades coa necesaria expansión das redes 5G e futuras redes 6G, que obrigarán novamente ás grandes compañías a realizar investimentos en despregamentos que farán este tipo de empresas especializadas subcontratadas.
O bo de Digi é que contrata como persoal propio e fixo a maioría do persoal técnico, con empregos estables