Onte foi un día importante para Google. Ademais da nova serie Pixel 9, anunciouse unha nova versión dos seus auriculares sen fíos, os Pixel Buds Pro 2, que chegan ao mercado cunha serie de melloras técnicas que os sitúan na vangarda da tecnoloxía. Cun enfoque centrado na intelixencia artificial (IA) e unha cancelación de ruído superior, estes auriculares están deseñados para ofrecer unha experiencia de son excepcional.
Melloras técnicas e innovacións dos Pixel Buds Pro 2
Un dos puntos máis destacados dos Pixel Buds Pro 2 é a incorporación do chip Tensor A1, que se encarga de todas as tarefas relacionadas coa IA. Este chip non só mellora o rendemento dos auriculares, senón que tamén optimiza a autonomía, permitindo un uso máis prolongado sen necesidade de recargar.
A tecnoloxía Silent Seal 2.0, integrada grazas ao chip Tensor A1, duplica a capacidade de cancelación de ruído en comparación co modelo anterior. Esta tecnoloxía é especialmente eficaz na cancelación de frecuencias altas, que tradicionalmente son máis difíciles de bloquear.
Especificacións técnicas dos Google Pixel Buds Pro 2
Os novos auriculares de Google integran un transdutor dinámico de 11 mm. A súa conectividade vén dada polo Bluetooth 5.4, LE Audio e banda superancha. Cada un deles dispón de tres micrófonos incorporados.
Son resistentes a auga e pó segundo o estándar IP54 (a funda segundo IPX4) e dispoñen de varios sensores. Os principais son os sensores táctiles capacitivos para o control da reprodución. A eles súmase o sensor de proximidade por infravermellos, así como o acelerómetro e xiroscopio para a detección do movemento.
A batería ofrece unha autonomía de 8 horas con cancelación de ruído activa, ou 12 horas sen ela. Esta autonomía multiplícase para chegar ás 30 ou 48 horas, respectivamente, empregando a carga do estoxo no que se gardan.
O chip Tensor A1 tamén contribúe a mellorar a calidade do son, ofrecendo unha maior resolución e un son máis envolvente, ideal para os amantes da música ou para quen busca unha experiencia auditiva superior.
Prezo e Disponibilidade
Os novos Google Pixel Buds Pro 2 están dispoñibles en catro cores diferentes por un prezo de 249 euros. Xa se poden reservar, e sen dúbida, están chamados a converterse nunha das opcións preferidas para quen busca auriculares de alta calidade con tecnoloxía avanzada.