Google vén de desvelar a súa nova gama de dispositivos móbiles durante o evento Made by Google celebrado onte. Nesta ocasión, a compañía non quedou curta. Presentáronse catro novos modelos que prometen marcar un antes e un despois no ecosistema Android: o Pixel 9, Pixel 9 Pro, Pixel 9 Pro XL e o innovador Pixel 9 Pro Fold. Ademais, tamén se deron a coñecer o Pixel Watch 3 e os Pixel Buds Pro 2, ampliando así a oferta de gadgets para os usuarios máis esixentes.
Pixel 9: A nova referencia do segmento medio-alto
O Pixel 9 sitúase como a opción máis accesíbel dentro da nova serie, pero sen renunciar a prestacións de alto nivel. Equipado co novo procesador Google Tensor G4, este dispositivo garante un rendemento fluído en combinación con 12 GB de RAM.
A súa pantalla de 6,2 polgadas con tecnoloxía OLED e resolución FHD+ asegura unha experiencia visual destacábel, e o conxunto de cámaras, encabezado por un sensor principal de 50 MP, mantén o enfoque na calidade fotográfica que caracteriza a serie Pixel.
Pixel 9 Pro e Pixel 9 Pro XL: potencia e deseño para as máis exixentes
Os modelos Pixel 9 Pro e Pixel 9 Pro XL representan a punta de lanza de Google no mercado dos smartphones premium. Ambos comparten moitas especificacións, pero diferéncianse principalmente no tamaño da pantalla e na capacidade da batería.
- Pantalla e Deseño: O Pixel 9 Pro vén cunha pantalla Super Actua OLED de 6,34 polgadas, mentres que o Pixel 9 Pro XL amplía esta dimensión ata as 6,73 polgadas. Ambas as pantallas ofrecen unha taxa de refresco de 120 Hz e un brillo máximo de ata 3.000 nits, proporcionando unha visualización nítida e vibrante en calquera condición de luz.
- Rendemento: Equipados co potente procesador Google Tensor G4 e 16 GB de RAM, estes dispositivos están preparados para as tarefas máis exixentes, incluíndo o uso intensivo de IA grazas á integración de Gemini Nano.
- Cámara: A configuración das cámaras traseiras inclúe un sensor principal de 50 MP con estabilización óptica, un gran angular de 48 MP e un telefoto de 48 MP con zoom óptico de 5x. Ademais, a cámara frontal de 42 MP asegura selfies de alta calidade.
- Batería e Conectividade: O Pixel 9 Pro conta cunha batería de 4.700 mAh, mentres que o Pro XL eleva a capacidade ata os 5.060 mAh. Ambos dispoñen de carga rápida e carga inalámbrica, así como conectividade WiFi 7 e Bluetooth 5.4.
Pixel 9 Pro Fold: A aposta de Google polos encartábeis
O Pixel 9 Pro Fold é o segundo móbil encartábel de Google, deseñado para competir directamente con outros fabricantes que están apostando forte por este formato. Malia que comparte moitas especificacións co Pixel 9 Pro, destaca pola súa pantalla encartábel que ofrece unha experiencia de uso versátil e inmersiva.
Con características que inclúen o mesmo procesador Tensor G4 e a configuración de cámaras de alta gama, o Pixel 9 Pro Fold é un dispositivo que combina innovación e rendemento.
A súa pantalla externa é un panel OLED LTPO flexíbel de 8 polgadas, con resolución 2076 x 2152 píxeles. Dispón dunha taxa de refresco de 120 Hz, HDR10+ e 2.700 nits de brillo máximo.
Non menos importante, a pantalla externa dispón de resolución de 1080 x 2424 píxeles e unha diagonal de 6,3 polgadas. Tamén ofrece taxa de refresco de 120 Hz, HDR e 2.700 nits de brillo. Ademais, está protexida con Corning Gorilla Glass Victus 2.
Actualizacións e compromiso a longo prazo
Todos os modelos presentados inclúen Android 14 de fábrica, pero recibirán sete anos de actualizacións clave, prolongando a vida útil destes dispositivos ata 2031.
Esta política de actualizacións prolongadas é un dos puntos fortes de Google, garantindo que as usuarias poidan contar coas últimas novidades de software e seguridade durante moito tempo.
Prezos e dispoñibilidade
Os novos Google Pixel xa están dispoñíbeis para reserva no noso país e noutros mercados. Os prezos arrincan nos 899 euros para o Pixel 9, 1.099 euros para o Pixel 9 Pro, 1.199 euros para o Pixel 9 Pro XL. O Pixel 9 Pro Fold aínda non ten un prezo confirmado, pero -evidentemente- espérase que sexa o máis caro da gama.
Google aposta forte cunha liña de produtos que cobre desde o segmento medio-alto ata o ultra-premium, con especial énfase na innovación, calidade fotográfica e un compromiso sostido coas actualizacións de software.