O2, a segunda marca de Movistar, comezou a ofrecer o servizo de televisión Movistar Plus+ hai algo menos dun ano. Fíxoo cunha promoción para todas as usuarias da operadora que permitía desfrutar do servizo por 12 € ao mes, no canto dos 14 € que custaba para as usuarias de outras operadoras.
Cando Movistar decidiu rebaixar o plan a 9,99 €/mes para todas as usuarias, O2 decidiu manter o desconto de 2 € adicional para a súa clientela. Unha promoción que agora mellora para as usuarias do plan converxente máis ambicioso.
Movistar Plus+ de balde coa tarifa de 1 Gbps e 200 GB de O2
O2 ofrece na actualidade cinco propostas converxentes, con velocidades de 300 Mbps, 500 Mbps e 1 Gbps, e franquías de datos móbiles que van dos 10 aos 200 GB mensuais. A proposta máis ambiciosa ofrece servizo de fibra de 1 Gbps (con teléfono fixo ilimitado) e unha liña de móbil con 200 GB e chamadas ilimitadas por 50 €/mes.
Precisamente esta nova tarifa inclúe agora o beneficio de ter unha subscrición a Movistar Plus+ sen custe adicional. Isto permite acceder ao servizo de televisión de Movistar, que ofrece ducias de canles de televisión, películas e contidos exclusivos.
O servizo pode consumirse en dúas pantallas de forma simultánea, sen necesidade de cableados nin instalacións. Para iso emprégase a aplicación MovistarPlus+, que está dispoñíbel tanto para dispositivos móbiles como para televisións e Google TV. Ademais, todo o contido está dispoñíbel en calidade 4K/UHD.
Como desfrutar da subscrición a Movistar Plus+ en O2
Para poder desfrtuar de Movistar Plus+ gratis en O2 é preciso ter contratada a tarifa de 1 Gbps e 200 GB por 50 €. A continuación, os pasos a seguir dependerán de se xa temos ou non activa unha subscripción a Movistar Plus+.
- No caso de non ter unha subscripción de Movistar Plus+ nin conta creada, débese acceder a movistarplus.es/activate e crear unha conta introducindo o código dispoñíbel tanto na aplicación de Mi O2 como na Área Persoal.
- Se se dispón dunha subscrición activa de Movistar Plus+ cun desconto O2 de 2 € e xa se tiña contratada a tarifa de 50 € non hai que facer nada, xa que o cambio se fai de forma automática. No caso de ter actualizada a tarifa de O2 a esta modalidade, é preciso engadir o novo código para non pagar nada na seguinte renovación.
- Por último, se se ten unha subscrición de Movistar Plus+ sen ter aplicado o desconto, simplemente deberase acceder á área de cliente de Movistar Plus+ e engadir o código dispoñíbel na app de O2.
Tarifas desactualizadas
Tras este cambio, as persoas que teñan unha tarifa de 1 Gbps e 75 € por 44 € e tamén teñan contratada a televisión co desconto de O2 terán un plan desactualizado, xa que pagarán 51,99 € (44 € da tarifa e 7,99 € da subscrición á tarifa). Neste caso, evidentemente compensaralles mudar ao plan de 50 €, co que aforrarán 2 € ao mes e verán incrementada a franquía de datos en 125 GB adicionais.