Iniciada a segunda metade de agosto, moitas xa desfrutaron das súas vacacións. Outras inícianas agora, e tamén hai quen agarda aos meses de setembro e outubro, que foron gañando popularidade nos últimos anos. Sexa cando sexa que se desfruten as vacacións (ou se se viaxa por traballo), planificar unha escapada implica moito máis que facer a maleta ou reservar os voos. Na era dixital, a tecnoloxía converteuse nunha compañeira indispensábel para calquera viaxe.
Un dos recursos máis destacados nesta nova era son as ferramentas baseadas en intelixencia artificial. Apps como Google Lens permiten traducir textos ao instante coa cámara do móbil, facilitando a comunicación en países con idiomas distintos. Ademais, outras aplicacións baseadas en IA (como Gemini ou ChatGPT, ou de webs especializadas) poden axudarnos a planificar itinerarios personalizados segundo os nosos intereses, orzamento e o número de persoas que viaxan con nós. Estas ferramentas fan que explorar novos lugares sexa máis sinxelo e eficiente, adaptándose ás nosas preferencias.
O pago sen contacto é outra das comodidades que a tecnoloxía ofrece ás viaxeiras. Grazas á tecnoloxía NFC dispoñible en moitos smartphones, xa non é preciso levar contigo tarxetas físicas. Aplicacións como Google Wallet e servizos bancarios móbiles permiten realizar pagamentos directamente dende o móbil. Ademais, os bancos dixitais, como Revolut, ofrecen tarxetas deseñadas para o uso internacional sen comisións por cambio de divisas, proporcionando unha maior tranquilidade ao realizar transaccións no estranxeiro.
É crucial tamén asegurarse de que os nosos dispositivos estean actualizados antes de viaxar. Instalar as últimas versións das aplicacións, e verificar que temos aplicados os últimos parches de seguridade é imprescindíbel. Tamén, se imos pasar horas sen conexión, convén lembrarse de descargar as nosas series favoritas da nosa plataforma (Netflix, Max, Movistar Plus+, …) ou a música en Spotify para que as horas en voos ou desprazamentos pasen máis rápido.
A conectividade é un aspecto fundamental durante as viaxes. Se a viaxe é dentro da Comunidade Económica Europea, podemos estar tranquilas, xa que non contaremos con sobrecargos por roaming (aínda que ollo, que nos plans ilimitados si que existen límites dos xigas que podemos consumir en itinerancia). Tamén hai que ter en conta que o Reino Unido xa non está dispoñíbel como país sen roaming en varias tarifas e operadoras (consultar antes de saír para evitar sorpresas). Outros lugares, como Andorra, non se inclúen no pase de roaming gratuíto. Nestes casos, ou cando viaxamos a outro continente, considerar a compra dunha SIM prepago local (ou, se o noso smartphone é compatíbel con eSIM, contratar unha eSIM con servizos como HolaFly) pode ser moi interesante para conseguir un mellor prezo e conectividade segundo cheguemos.
Por último, tampouco debemos esquecer a seguridade dos nosos dispositivos. Realizar unha copia de seguridade na nube dos nosos datos antes de partir é unha práctica esencial. Así, non importa onde nos atopemos, sempre poderemos recuperar a información crítica con só uns clics. Activar medidas de bloqueo (recoñecemento facial ou desbloqueo por pegada dixital) protexerá a nosa privacidade. E por suposto, habilitar funcións como “Find My Device” para localizar o noso móbil en caso de perda, ou empregar un servizo VPN se nos imos conectar a redes WiFi descoñecidas, son precaucións que nunca están de máis.
En definitiva, unha preparación tecnolóxica axeitada antes de saír de viaxe pode facer toda a diferenza. Seguindo estes consellos, asegurarémonos de que os nosos dispositivos están listos para acompañarnos e facer que poidamos gozar dunhas vacacións sen contratempos. Cando menos, na parte tecnolóxica.