Nos últimos anos, a tecnoloxía robótica está a transformar o sector da medicina, mellorando significativamente a calidade e precisión das intervencións cirúrxicas. Un exemplo destacado deste avance é o sistema de cirurxía robotizada Da Vinci, cuxo impacto na sanidade galega semella ser evidente, tras superar as 5.000 operacións en apenas tres anos. Este sistema foi implantado nas sete áreas sanitarias de Galiza en xullo de 2021 e desde entón, converteuse nunha ferramenta crucial para diversos tipos de intervencións, especialmente en uroloxía, que lidera o número de operacións con 2.305 procedementos realizados.
Vantaxes e innovacións da cirurxía robótica
A cirurxía robótica presenta un conxunto de vantaxes que están a redefinir os estándares médicos. Un dos maiores beneficios é a capacidade de realizar operacións con precisión milimétrica, grazas á destreza dos robots Da Vinci. Esta precisión tradúcese en incisións máis pequenas, o que minimiza a dor postoperatoria e reduce o risco de infeccións. Ademais, a tecnoloxía 3D reconstrutiva mellora a visualización das zonas operadas, permitindo ás e aos cirurxiáns realizar procedementos complexos con maior seguridade.
Outro aspecto relevante é a mellora na recuperación das doentes. As intervencións robotizadas xeran menos trauma nos tecidos, o que se traduce nunha recuperación máis rápida e nun menor tempo de hospitalización. Isto non só beneficia ás doentes, que poden retomar as súas actividades cotiás nun prazo máis curto, senón que como sinalan desde o SERGAS, tamén alivia a presión sobre os recursos hospitalarios, optimizando o uso das camas dispoñíbeis.
Impacto na sanidade pública galega
A implementación dos robots Da Vinci en Galiza supuxo un investimento significativo de máis de 56 millóns de euros. Até o momento, a área sanitaria de Vigo destaca como a máis activa, con 1.377 intervencións realizadas, seguida da Coruña e Cee con 891.
Ademais da uroloxía, outras especialidades tamén están a beneficiarse desta tecnoloxía. A cirurxía xeral e dixestiva rexistrou 1.994 operacións, mentres que a xinecoloxía alcanzou as 475. Estes datos poñen de manifesto a versatilidade do sistema Da Vinci e a súa capacidade para adaptarse a diversas disciplinas médicas, mellorando os resultados en todas elas.
Un futuro prometedor
O caso de Galiza é un máis do comezo dunha transformación máis ampla no ámbito da medicina. A medida que a tecnoloxía continúa a evolucionar, é previsíbel que novos avances amplíen aínda máis as posibilidades dos robots na cirurxía, con aplicacións en áreas aínda inexploradas. Ademais, a formación continua dos profesionais sanitarios no uso destes sistemas será clave para maximizar o seu potencial e seguir ofrecendo unha atención sanitaria de excelencia.
Por outra banda, tamén hai que destacar a irrupción da intelixencia artificial (IA) na sanidade pública galega. Hai uns meses, o Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol sumouse a outros centros sanitarios galegos no emprego da IA para analizar algúns casos de probas radiolóxicas, e inminentemente aplicará a intelixencia artificial tamén na xestión das unidades de críticos.