O despregamento da tecnoloxía 5G avanza a bo ritmo nas zonas rurais do noso país grazas, en boa medida, ás subvencións ás operadoras do Programa Único Redes Activas. Un programa que vai ter continuidade cunha segunda edición, que se agarda sexa anunciado a finais deste mes de agosto.
As tres operadoras que están a despregar este tipo de redes –Movistar, MASORANGE e Vodafone– están ben posicionadas para recibir unha parte significativa desta nova rolda de financiamento público, o que lles permitirá seguir incrementando a súa cobertura 5G nas áreas rurais menos conectadas.
Segunda parte dun proxecto estratéxico para o 5G Rural
Como diciamos, este novo programa de axudas é a continuación do exitoso Programa Único Redes Activas, que xa comezou a expandir a cobertura 5G en zonas rurais de Galiza e do conxunto do Estado. O Ministerio de Transformación Dixital, previa consulta ás operadoras, decidiu manter as mesmas bases que na primeira edición, o que axilizará o proceso de implementación.
Este enfoque permitirá que as operadoras poidan acceder ás axudas de forma máis rápida e sen necesidade de adaptar os seus plans de acción. E, como nas anteriores bases, mantén a exclusión de fabricantes chineses como ZTE e Huawei, como obxectivo para garantir a seguridade e a integridade das redes.
O orzamento para esta segunda fase do Programa Unico Redes Activas ascende a 90 millóns de euros, procedentes dos fondos europeos Next Generation. Este financiamento, aínda sendo inferior ao da primeira edición, segue sendo crucial para avanzar na cobertura 5G nas zonas rurais de Galiza e outras vilas do Estado de menos de 10.000 habitantes.
No primeiro programa, Movistar foi a empresa que recibiu a maior parte das axudas, cun 59% do total. E, salvo sorpresas, serán de novo Movistar, MASORANGE e Vodafone as compañías que lideren de novo a recepción do financiamento, o que lles permitirá seguir expandindo as súas redes 5G en zonas que aínda carecen desta tecnoloxía.
Importancia para o rural galego
Para Galiza, esta nova inxección de fondos representa unha oportunidade única para reducir a fenda dixital nas zonas rurais. As operadoras teñen a misión de levar o 5G a municipios pequenos, algúns con menos de 5.000 habitantes, onde esta tecnoloxía non chegou na primeira fase. Isto non só mellorará a conectividade, senón que tamén impulsará o desenvolvemento económico e social nas áreas máis illadas.