O panorama das telecomunicacións en España está a piques de cambiar de forma significativa. Co obxectivo de protexer ás consumidoras de prácticas abusivas, o Goberno ten previsto prohibir a contratación de servizos de luz e gas por teléfono, salvo en casos excepcionais. Esta medida pretende combater o spam telefónico e reducir as estafas que se veñen producindo a través de chamadas non solicitadas.
Un cambio necesario na regulación do mercado
Nos últimos anos, moitas consumidoras experimentaron a frustración de recibir chamadas comerciais non desexadas, moitas veces en horas inapropiadas, ofrecendo tarifas de luz e gas. Malia os diferentes cambios lexislativos, como a Lei Xeral de Telecomunicacións de 2022, que tentaba limitar estas prácticas, as comercializadoras atoparon formas de evitar as restricións, deixando ás usuarias expostas a posíbeis fraudes.
Conscientes desta problemática, o Goberno está a traballar nun novo regulamento que prohibirá a contratación destes servizos por teléfono, agás se é a propia consumidora a que decide chamar á compañía por iniciativa propia. Esta medida, que se inclúe nun Real Decreto actualmente en fase de audiencia pública, supón un paso adiante na protección dos dereitos das usuarias.
A protección das consumidoras, no centro da nova normativa
Un dos obxectivos principais desta nova normativa é reducir a presión que as consumidoras senten ao recibir chamadas non solicitadas. Coa prohibición das contratacións telefónicas, espérase que se reduzan significativamente as estafas relacionadas coas tarifas de luz e gas. Así, as chamadas recibidas para ofrecer estes servizos sen que as usuarias as teñan solicitado serán consideradas ilegais e potencialmente fraudulentas.
Esta medida non só beneficiará ás consumidoras, senón que tamén forzará ás compañías a revisar as súas estratexias de captación de clientela, obrigándoas a ser máis transparentes e a respectar a vontade das usuarias.
Como se aplicará a nova regulación
Para garantir o cumprimento desta norma, o Goberno establecerá mecanismos de control rigorosos. Todas as conversas telefónicas que se produzan durante o proceso de contratación deberán ser gravadas na súa totalidade, o que permitirá asegurar que as consumidoras teñan acceso a toda a información relevante antes de tomar unha decisión. Ademais, as condicións ofrecidas terán que ser claras e precisas, evitando así malentendidos ou enganos.
A nova regulación tamén complementará outras ferramentas de protección, como a inscrición na lista Robinson, que xa permite ás usuarias rexeitar chamadas comerciais non desexadas. Con esta combinación de medidas, espérase que as chamadas spam diminúan de forma notábel, mellorando a calidade de vida das consumidoras.
Implicacións a longo prazo
Esta prohibición non só é unha resposta á situación actual, senón que tamén marca unha dirección clara cara ao futuro das relacións entre empresas e consumidoras. Ao eliminar a posibilidade de contratación telefónica non solicitada, o Goberno busca fomentar un mercado máis ético e transparente, onde os dereitos das usuarias estean plenamente protexidos.
Alta na lista Robinson para evitar chamadas non desexadas
Mentres se aplica esta nova lexislación, ás usuarias teñen á súa disposición á lista Robinson para evitar recibir chamadas ou mensaxes de correo non desexadas. Darse de alta nesta listaxe é un proceso sinxelo e gratuíto.
O primeiro que hai que facer é acceder á web oficial da lista Robinson. Unha vez nela, realízase o rexistro creando unha conta e proporcionando os datos persoais. Completado este rexistro, as usuarias poden indicar os medios polos que non desexan recibir publicidade (teléfono, correo electrónico, SMS ou correo postal). Despois de activar o teu perfil, as empresas dispoñen dun prazo de tres meses para deixar de enviar comunicacións comerciais non desexadas.
Máis info | Real Decreto en exposición (pdf)