No mundo dixital, a protección da nosa privacidade é máis importante ca nunca. Coa crecente ameaza de ataques cibernéticos e a preocupación constante pola seguridade das nosas conexións, contar cunha VPN de confianza é esencial, especialmente cando accedemos á Internet desde redes públicas. Mega, a coñecida plataforma de almacenaxe na nube, acaba de lanzar o seu propio servizo de VPN, Mega VPN, que promete ofrecer a máxima seguridade a un prezo realmente competitivo.
Mega VPN destaca por garantir a privacidade da navegación en todas as plataformas principais, incluíndo Android, iOS, Windows e macOS. O servizo emprega un cifrado avanzado ChaCha20, que oculta a nosa dirección IP e protexe a actividade en liña, mesmo cando se empregan conexións públicas. Deste modo, asegura que ningunha persoa non autorizada poida espiar o que facemos na Internet, protexéndonos de ameazas cibernéticas e garantindo que as nosas consultas DNS e o tipo de navegador que empregamos non sexan rexistrados.
Conexións a nivel global e funcións avanzadas de Mega VPN
Mega VPN permite conectarse a doce ubicacións diferentes arredor do mundo, o que é ideal para simular que se está noutro país ou para acceder a contidos restrinxidos por rexión. As ubicacións dispoñíbeis actualmente inclúen os Estados Unidos (Este e Oeste), Canadá (Este e Oeste), Países Baixos, Francia, Bélxica, Luxemburgo, Alemaña, España, Xapón e Nova Zelandia. Esta variedade de servidores asegura unha conexión rápida e estábel, con independencia de onde nos atopemos.
Mega VPN tamén incorpora a función “Kill Switch”, que é un mecanismo de seguridade que corta automaticamente a nosa conexión a internet se a VPN deixa de funcionar inesperadamente. Deste xeito, o noso enderezo IP real nunca quedará exposto, protexendo a nosa privacidade en todo momento.
Un prezo difícil de bater
Un dos puntos máis atractivos de Mega VPN é o seu prezo. Por só 0,99 euros ao mes, poderemos protexer até cinco dispositivos simultaneamente, ofrecendo unha relación calidade-prezo difícil de superar no mercado. Este servizo tamén está dispoñíbel como parte dos plans de almacenaxe de Mega, o que significa que poderemos xestionar todo desde unha única conta, facendo o proceso de subscrición sinxelo e cómodo.
Se o comparamos con outros servizos, ProtonVPN parte dos 4,99 €/mes, NordVPN dos 3,09 €/mes e ExpressVPN dos 6,30 €/mes. Cada un destes ofrece melloras substanciais sobre a alternativa que agora presenta Mega VPN, se ben para usos basicos pode resultar máis que suficiente a proposta de Mega.
Máis info | Mega VPN | Play Store