JBL vén de anunciar os seus novos auriculares True Wireless Stereo (TWS), os JBL Tour PRO 3. Uns auriculares que destacan por incorporar transductores dobres, tecnoloxía JBL Spatial 360 con seguimento de cabeza, True Adaptive Noise Cancellation 2.0 e un innovador estoxo de carga (Smart Charging Case) que transforma o xeito de desfrutar do entretemento.
Precisamente este estoxo de carga é un dos elementos que marcan a diferenza nesta nova versión dos auriculares de JBL. Non só permite o control total das funcións dos auriculares, senón que tamén actúa como un transmisor de audio sen fíos, permitindo o que JBL chama “entretenemento en todas partes”. E é que bastará con conectar o estoxo a calquera fonte USB ou analóxica, para obter unha conexión instantánea e automática cos auriculares. Isto fai que sexa ideal para conectar os nosos auriculares a sistemas de entretemento a bordo, xogos, chamadas, películas ou música.
Ademais, esta conexión directa entre o estoxo e os auriculares ofrece maior estabilidade e menor latencia ca o Bluetooth, garantindo unha experiencia auditiva superior.
JBL Spatial 360, JBL Pro Sound e JBL Crystal AI para subir o nivel
JBL afirma elevar a calidade do son nos seus JBL Tour PRO 3 grazas á tecnoloxía JBL Spatial 360, que crea unha experiencia sonora completamente inmersiva. O seguimento de cabeza engade unha nova dimensión, facendo que os sons parezan vir do espazo arredor, mesmo cando movemos a cabeza, o que gaña importancia en películas ou xogos para gañar en inmersión.
Cada auricular dos JBL Tour PRO 3 integra tamén un sistema híbrido de dobre transdutor, unha característica exclusiva dos TWS de JBL. Esta tecnoloxía asegura un rendemento sonoro excepcional, coa claridade das notas altas e uns graves potentes e precisos. Ademais, o códec de audio LDAC, con certificación Hi-Res, proporciona un son de alta resolución que supera aos códecs Bluetooth estándar.
En canto ás chamadas, o novo algoritmo JBL Crystal AI mellora a claridade da voz en calquera situación, mesmo nos lugares máis ruidosos, empregando intelixencia artificial (IA). Esta tecnoloxía complétase coa integración de seis micrófonos e un deseño hidrodinámico a proba de vento, para ofrecer a nosa voz sen distorsións.
Opcións de personalización nos JBL Tour PRO 3
Os JBL Tour PRO 3 ofrecen varias opcións de personalización, que inclúen o sistema True Adaptive Noise Cancellation 2.0. Este sistema de cancelación de ruído axústase automaticamente aos cambios ambientais, medindo máis de 50.000 veces por segundo, para ofrecer unha experiencia de escoita óptima.
Tamén incorpora a tecnoloxía Personi-fi 3.0, que permite personalizar o perfil de son a medida das usuarias, axustando o son de xeito preciso para cada oído. Ademais, a pantalla de bloqueo e o fondo de pantalla do estoxo pódense personalizar con calquera foto, e admite comandos de pantalla en 13 idiomas diferentes.
Na parte máis puramente física, os auriculares veñen con cinco almofadas de silicona de diferentes tamaños e un xogo adicional de almofadas de espuma, permitindo ás usuarias atopar o axuste perfecto.
Dispoñibilidade e prezo dos novos JBL Tour PRO 3
Os JBL Tour PRO 3 estarán dispoñibles en dúas cores, negro e latte, a partir de mediados de setembro. O seu prezo será de 299,99 €.