O que sabemos do Qualcomm Snapdragon 8 Gen 4

Á volta do verán estaremos coñecendo o novo chip de referencia de Qualcomm. Falamos do Qualcomm Snapdragon 8 Gen 4. Un procesador que promete revolucionar, un ano máis o mercado dos smartphones de gama alta. Para iso, introducirá o equilibro entre potencia, eficiencia e-como non- capacidades de intelixencia artificial. Ou cando menos iso é o que se desprende das últimas filtracións.

Oryon CPU e Adreno 830: a nova era do rendemento

O Snapdragon 8 Gen 4 marca a entrada dos novos núcleos Oryon de Qualcomm, deseñados para ofrecer un aumento de rendemento sen precedentes. Este chip estará dispoñible en dúas variantes: o SM8750 (Standard) e o SM8750P (Performance), sendo este último o que equipará dispositivos de gama alta como o Galaxy S25 Ultra de Samsung. Grazas a un proceso de fabricación de 3 nm, este chip integra unha CPU de oito núcleos (octa – core) con dúas núcleos de alto rendemento a 4 GHz e seis núcleos de eficiencia a 2,8 GHz. As primeiras probas suxiren que o procesador ofrecerá un 35% máis de rendemento en tarefas de un só núcleo e un 30% máis en multitarefa.

O Snapdragon 8 Gen 4 tamén introduce a Adreno 830, unha GPU que promete ser a máis rápida das creadas por Qualcomm até o momento. Esta unidade gráfica mellora de forma significativa a experiencia de xogo, soportando tecnoloxías avanzadas como a xeración de frames impulsada por intelixencia artificial, que permite taxas de refresco máis altas nos xogos máis esixentes.

Melloras na fotografía e conectividade

Outro aspecto destacado deste chip é o novo procesador de sinal de imaxe Spectra 8, deseñado para ofrecer experiencias de fotografía e vídeo superiores. Este procesador permite a gravación e decodificación de vídeo en 4K, tanto na pantalla do dispositivo como nunha pantalla externa.

En termos de conectividade, o Snapdragon 8 Gen 4 non decepciona. Inclúe un módem 5G integrado que soporta redes mmWave e sub-6GHz, ademais de Wi-Fi 7, Bluetooth 5.4, e Ultra Wideband (UWB). Estes avances garantirán unha conectividade ultrarrápida e estábel en calquera situación.

Deseñado para o futuro

O Snapdragon 8 Gen 4 tamén está optimizado para as demandas da intelixencia artificial, incluíndo un subsistema de IA de baixo consumo que incorpora un procesador de sinal dixital (DSP) e unha unidade de procesamento neural (eNPU) adicada. Isto permitirá funcións avanzadas como o recoñecemento de voz e imaxes sempre activo, mellorando a interacción co usuario de xeito significativo.

Modelos que integrarán o procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 4

O Galaxy S25 Ultra, previsto para comezos de 2025, será un dos modelos que incorporará o Snapdragon 8 Gen 4, o que o converterá nunha referencia en termos de rendemento e capacidades. Espérase que este smartphone, que estará dispoñible globalmente coa versión SM8750P do chip, ofreza un rendemento CPU un 30-35% superior ao seu predecesor, con melloras significativas tamén no rendemento gráfico.

Porén, como xa avanzamos hai uns días, agárdase que os novos Xiaomi 15, previstos para outubro, sexan os primeiros smartphones en ter este procesador. Tamén podería chegar ás versións superiores de OPPO e Vivo en datas posteriores.

Sobre o autor

Reply