Xiaomi presenta novas tablets: Redmi Pad SE 8.7 e Redmi Pad SE 8.7 4G

Preparándose para o inicio do curso, Xiaomi vén de lanzar ao mercado as súas novas tablets. Trátase das Redmi Pad SE 8.7 e Redmi Pad SE 8.7 4G, deseñadas para ofrecer unha experiencia de entretemento portátil. Destacan non só por ofrecer un rendemento medio, senón tamén polo seu deseño lixeiro, que as fai axeitadas para quen busca un produto que empregar en mobilidade.

Características técnicas da Redmi Pad SE 8.7

Tanto a Redmi Pad SE 8.7 como a súa versión con conectividade móbil 4G, veñen equipadas cunha pantalla LCD de 8.7 polgadas con resolución de 1340 x 800 píxeles. Ofrece un brillo máximo de ata 600 nits en exteriores e unha relación de contraste de 1500:1​. Ademais, a taxa de refresco adaptativa de 90Hz, que se ben non chega aos 120 Hz que se están a converter en estándar en gamas máis altas, mellora a fluidez en xogos e a visualización de contidos.

Completando a experiencia multimedia, as novas tablets de Xiaomi tamén inclúen altofalantes estéreo con soporte para Dolby Atmos. Isto asegura un son envolvente e de alta calidade, que resulta axeitado para ver películas, escoitar música ou gozar de videoxogos​.

No corazón destas tablets atópase o procesador MediaTek Helio G85, un chipset de oito núcleos deseñado para manexar tarefas múltiples con axilidade e eficiencia. Este procesador, combinado cunha batería de 6,650 mAh con carga de 18W, permite horas de entretemento ininterrompido.

Ambas as dúas versións, tanto a estándar como a 4G, están dispoñíbeis en configuracións de 4GB ou 6GB de memoria RAM, con opcións de almacenaxe interna que chegan até os 128 GB. Ademais, soportan expansión de memoria de até 2 TB mediante tarxetas microSD.

A Redmi Pad SE 8.7 4G destaca pola súa capacidade de manter ás usuarias conectadas en todo momento, grazas ao soporte para redes 4G e ás ranuras para dúas tarxetas SIM. Isto resulta perfecto para aquelas persoas que precisan estar sempre en liña, xa sexa por motivos de traballo ou de lecer.

Dispoñibilidade e prezo das Redmi Pad SE 8.7

As novas tablets de Xiaomi, as Redmi Pad SE 8.7 e Redmi Pad SE 8.7 4G, están dispoñíbeis en tres cores: gris (Graphite Gray), verde (Aurora Green) e azul (Sky Blue).

En canto a prezos, a Redmi Pad SE 8.7 na súa versión de 4GB + 64GB está dispoñíbel por un prezo de 139,99 €, mentres que a versión de 4GB + 128GB chega por 159,99€. Empregando o código promocional OFERTA30, as usuarias poderán adquirir estas tablets a un prezo especial de 129,99€, que inclúe unha funda exclusiva​.

Sobre o autor

Reply