A Gamescom 2024 atraeu a Colonia milleiros de entusiastas dos videoxogos de todo o mundo. Un contexto que aproveitou Samsung para revelar o seu máis recente avance en tecnoloxía de monitores: o Odyssey 3D. Un innovador monitor permite unha visualización en tres dimensións sen a necesidade de lentes, grazas á súa avanzada tecnoloxía de Eye Tracking e View Mapping.
A revolución do 3D sen lentes
Tradicionalmente, a experiencia 3D nos videoxogos requería o uso de lentes especiais, o que moitas veces limitaba o confort e a inmersión das xogadoras. Co novo Odyssey 3D de Samsung, este inconveniente queda no pasado. Equipado cunha tecnoloxía de visualización de campo luminoso (LFD) e unha lente lenticular (que dirixe imaxes diferentes a cada ollo) no panel frontal, o monitor transforma contidos 2D en impresionantes imaxes 3D.
Esta transformación, combinada co seguimento ocular mediante Eye Tracking e o mapeado de vista en tempo real mediante View Mapping, permite unha experiencia 3D optimizada que se adapta aos movementos dos ollos do usuario, sen a necesidade de dispositivos adicionais.
O Odyssey 3D tamén se destaca pola súa versatilidade, xa que permite alternar sen problemas entre modos 2D e 3D segundo as preferencias das usuarias. Ademais, está dispoñíbel en tamaños de 27” e 37”, ofrecendo unha resolución 4K, un tempo de resposta de 1 ms (GTG) e unha frecuencia de actualización de 165 Hz, o que asegura un xogo fluído e sen interrupcións.
Outras novidades de Samsung na Gamescom 2024
A presenza de Samsung na Gamescom 2024 non só inclúe a presentación do Odyssey 3D, senón tamén unha ampla gama de monitores gaming de alta gama das series Odyssey G6, G8 e G9. No seu stand, o fabricante surcoreano ofreceu ás visitantes a posibilidade de mergullarse nas experiencias de xogo máis avanzadas, destacando os modelos con tecnoloxía OLED e resolucións que varían desde QHD ata UHD dual.
Entre as experiencias máis destacadas, as asistentes puideron probar o Odyssey 3D xogando a inZOI de KRAFTON, un simulador de vida que se beneficia enormemente das capacidades 3D do monitor. Con gráficos realistas e unha narrativa envolvente, o Odyssey 3D ofrece unha inmersión total no mundo do xogo, axudado polos rápidos tempos de resposta e as altas frecuencias de actualización que garanten unha acción fluída.
Outros monitores de Samsung, como o Odyssey OLED G8 e o Odyssey Neo G9, tamén estiveron presentes no stand, ofrecendo experiencias espectaculares con xogos populares como Genshin Impact e World of Warcraft: The War Within. As visitantes tiveron a oportunidade de probar estes monitores xunto cos xogos máis esperados, mesmo antes dos seus lanzamentos oficiais.
Os tres novos modelos Odyssey OLED G95SD, G93SD e G85SD ofrecen características avanzadas como resolución QHD dual, pantallas ultra anchas, frecuencia de actualización de até 240 Hz e tempos de resposta GTG de 0,03 ms, garantindo unha experiencia de xogo sen precedentes.
Por último, compre destacar que a tecnoloxía patentada de Samsung, OLED Safeguard, presente nestes monitores, prevén queimaduras na pantalla e reduce o reflexo da luz grazas á tecnoloxía OLED Glare Free, asegurando unha visualización superior en calquera condición de iluminación.