Malia que a meirande parte das usuarias queda unicamente co router que lle pon a súa operadora, cada vez son máis as persoas que introducen -introducimos- dispositivos para mellorar a nosa experiencia de conexión. AVM é unha das empresas líderes na fabricación de solucións de conectividade para as redes domésticas e empresariais, destacando a súa gama de produtos FRITZ!.
Ás portas das IFA de Berlín, o fabricante acaba de anunciar o desembarco no noso país dos seus novos routers insignia para conexións de fibra óptica: o FRITZ!Box 5590 Fiber Edition International e o FRITZ!Box 5530 Fiber Edition. Estes dispositivos de última xeración ofrecen todas as funcionalidades avanzadas da gama FRITZ!Box, directamente sobre a conexión de fibra óptica, eliminando a necesidade de módems ou terminais de rede óptica (ONT) adicionais.
Grazas a un módulo SFP AON, GPON ou XGS-PON integrado, estes routers permiten ás usuarias conectar directamente a fibra óptica contratada, sendo unha alternativa eficiente ao equipo básico ofrecido polas operadoras que dan servizo de Internet.
Conexións de alta velocidade
Os novos routers FRITZ!Box 5590 Fiber e FRITZ!Box 5530 Fiber destacan pola súa capacidade para ofrecer conexións inalámbricas ultrarrápidas, compatíbeis con WiFi 6 (4 x 4), acadando velocidades de até 3,6 Gbps. Isto inclúe 2400 Mbps na banda de 5 GHz e 1200 Mbps na banda de 2,4 GHz.
Ademais, as redes WiFi dispoñen de cifrado WPA3/WPA2 para garantir a máxima seguridade, soporte para WPS, acceso para convidadas , e compatibilidade coas redes de malla mesh, facilitando a extensión da conectividade a todos os recunchos do fogar ou establecemento.
Ademais das capacidades de conexión sen fíos, os routers FRITZ!Box 5590 Fiber e FRITZ!Box 5530 Fiber veñen equipados cun porto WAN de 2,5 Gigabits conmutábel a LAN, catro portos LAN Gigabit para conectar ordenadores, televisores e outros dispositivos de rede, e dous portos USB 3.0 para impresoras ou almacenaxe na rede. Estas características fan que ambos routers sexan a elección perfecta para aproveitar ao máximo o ancho de banda ofrecido polas conexións de fibra óptica.
Dispoñibilidade dos novos routers FRITZ!Box
Os modelos FRITZ!Box 5590 Fiber Edition International e FRITZ!Box 5590 Fiber Edition XGS-PON xa están dispoñibles en España, tanto en tendas físicas como en liña a través dos distribuidores oficiais de AVM.
O primeiro pódese adquirir por 305 €, mentres que a versión XGS-PON sube até os 370 €.