Deteñen en Francia ao CEO de Telegram, Pavel Durov

O fundador e CEO de Telegram, Pavel Durov, foi detido no aeroporto de Bourget, preto de París, nunha operación sorpresa das autoridades francesas. A detención, que tivo lugar arredor das 20:00 horas deste sábado, está relacionada cunha investigación policial preliminar que cuestiona a falta de moderación na aplicación de mensaxería, segundo informa Reuters citando medios locais como TF1 TV e BFM TV.

A ausencia de moderadores en Telegram está no punto de mira das autoridades francesas, que argumentan que esta carencia facilita a continuidade de actividades criminais na plataforma.

Coa súa empresa con sede en Dubai e un historial de resistencia ás presións gobernamentais, Telegram mantense firme na súa postura de ser unha “plataforma neutral”.

Con máis de 900 millóns de usuarias activas, a detención do seu líder levanta preguntas sobre o futuro da moderación e o equilibrio entre a privacidade e a seguridade en plataformas dixitais.

A detención de Durov podería marcar un antes e un despois na regulación das redes sociais, mentres que as autoridades e plataformas tecnolóxicas buscan novas formas de garantir que a seguridade das usuarias non sexa comprometida pola falta de supervisión.

Telegram enfróntase agora a un novo desafío que podería redefinir a súa estratexia global. Cabe lembrar que hai uns meses, un xuíz español emitiu unha orde para desactivar a aplicación de mensaxería, se ben esta acabou por quedar sen efecto.

Sobre o autor

Reply