Dispór dunha conexión a Internet de alta velocidade en plena era dixital non debera ser considerado un luxo, senón unha necesidade. É por iso que nos últimos anos véñense poñendo en marcha diferentes programas e convocatorias de axudas para facilitar que todas as persoas poidan acceder ás comunicacións nunhas condicións decentes.
Nas últimas publicáronse as diferentes liñas da convocatoria da Xunta de Galiza das axudas do Bono Dixital. Estas axudas están divididas en tres liñas, dirixidas a diferentes colectivos: persoas vulnerábeis, comunidades de propietarias e empresas situadas en polígonos industriais, centros loxísticos ou áreas de concentración empresarial.
Tres liñas de axudas para conectar Galiza
O programa Bono Dixital está deseñado para cubrir as necesidades de distintos colectivos, con tres procedementos específicos dispoñíbeis na Sede da Xunta:
- AP400A: Axudas para colectivos vulnerábeis: Dirixida a familias e persoas vulnerábeis, esta liña de axudas ten como obxectivo facilitar a contratación e mantemento dos servizos de Internet de alta velocidade. Cun orzamento de 1,6 millóns de euros, permitirá beneficiar a preto de 5.000 persoas ou familias en Galiza. A novidade deste ano é que as axudas tamén cobren os servizos contratados anteriormente, non só as novas altas.
- AP400C: Mellora de infraestruturas en Comunidades de Propietarias: Está destinada a comunidade de veciñas ou corporacións locais, e permite mellorar as infraestruturas de telecomunicacións dos edificios. Con axudas que cobren até o 100% da actuación, e cun orzamento total de 4 millóns de euros, estas subvencións poden ser empregadas para a instalación completa ou parcial de infraestruturas adaptadas para radiodifusión sonora, televisión dixital e banda ancha ultrarrápida.
- AP400F: Conectividade en Polígonos Industriais e Centros Loxísticos: As pequenas e medianas empresas situadas en polígonos industriais ou centros loxísticos tamén poden beneficiarse do Bono Dixital. Con subvencións que cobren ata o 80% do custo do proxecto, e cun límite de 60.000 euros por solicitude, esta liña de axuda está deseñada para mellorar a competitividade das empresas a través dunha mellor conectividade.
Como solicitar o Bono Dixital e cal é o seu prazo
O Bono Dixital pretende ser unha ferramenta coa que poder cumprir cos obxectivos da Unión Europea, que buscan dotar ao 100% da poboación con Internet de alta velocidade, cun mínimo de 100 Mbps.
As solicitudes para as diferentes liñas de axuda teñen prazos e procedementos específicos. A continuación deixamos as datas e enlaces aos mesmos na Sede da Xunta de Galiza:
- Colectivos vulnerábeis (AP400A): até o 30 de setembro [acceso á solicitude].
- Comunidades de propietarios (AP400C): até o 16 de setembro [acceso á solicitude].
- PEMEs en polígonos industriais (AP400F): até o 16 de setembro [acceso á solicitude].