As operadoras preparan o reparto de frecuencias 5G para despois do verán

A recente fusión entre Orange e MásMóvil, coa que se creou o Grupo MASORANGE, segue dando que falar. A necesaria integración destas compañías tras a súa unión, obriga á empresa a desfacerse de parte das súas redes, tanto no que ten a ver con conectividade fixo (con elementos duplicados) como nas redes móbiles.

En pleno despregamento acelerado do 5G no conxunto do Estado, a fusión das compañías obrígaas a desprenderse de parte das frecuencias 5G que tiñan asignadas. Estas deberán ser redistribuídas, tendo como principais beneficiarias ás operadoras Digi e Movistar. O diario económico Cinco Días, citando fontes próximas a estas empresas, apunta a que este proceso levarase a cabo tras o verán.

O novo reparto do 5G

A creación do grupo MASORANGE afecta especialmente á banda de 3,5 GHz, que soporta gran parte do tráfico 5G. Nos últimos anos esta banda foi modificada en dúas ocasións para ampliar os seus límites, e agora sufrirá unha nova reorganización, xa que as operadoras deben cinguirse ao máximo de 140 MHz por operador permitido.

Isto fai que MASORANGE teña que desprenderse de parte das súas frecuencias. E como xa informamos anteriormente, DIGI será unha das compañías máis beneficiadas. Ambas empresas acordaron o pasado decembro a venda de 60 MHz a DIGI (20 MHz na banda de 3,5 GHz).

Outros 20 MHz serán adquiridos por Telefónica, con quen xa hai un compromiso de compra. Restarán 10 MHz dos que MASORANGE debe desprenderse e, aínda que non hai acordos pechados, Vodafone sería a candidata máis probábel. Porén, o parón inversor desta compañía tras a compra por parte de Zegona mantén en ascuas ao sector.

Sexa como for, a volta das vacacións do verán será o momento de executar esta redistribución das frecuencias 5G.

Sobre o autor

Reply