Samsung acaba de presentar as súas últimas novidades en proxectores: The Premiere 9 e The Premiere 7. Estes novos modelos de proxectores de tiro ultracurto levan a tecnoloxía láser de última xeración ao salón das nosas casas, ofrecendo unha resolución 4K, son envolvente e múltiples funcións intelixentes.
Calidade de imaxe e son envolvente
Os proxectores The Premiere destacan por ofrecer unha calidade de imaxe e son que redefine o concepto de entretemento no fogar. O modelo The Premiere 9 conta con tecnoloxía de triplo láser, o que lle permite acadar unha gama cromática do 154% e unha precisión de cor excepcional. Pola súa banda, The Premiere 7 ofrece un 100% da gama cromática DCI-P3, asegurando cores vibrantes e realistas en calquera escena.
Ambos proxectores son compatíbeis con HDR10+ e ofrecen unha resolución 4K en pantallas de até 130 polgadas. Ademais, integran melloras avanzadas como o Escalado por IA e Vision Booster, que axustan o brillo e o contraste de forma automática para adaptarse ás condicións de luz da sala, garantindo unha experiencia visual óptima en todo momento.
En canto ao son, ambos modelos están equipados con altofalantes integrados compatíbeis con Dolby Atmos. The Premiere 9 inclúe altofalaantes de 40 W con configuración de 2.2.2 canles ascendentes, mentres que The Premiere 7 ofrece 30 W en 2.2 canles. Estes sistemas proporcionan un son envolvente e potente sen necesidade de equipos adicionais.
Samsung Tizen OS Home
Os novos proxectores de Samsung veñen equipados co sistema operativo Tizen OS Home, permitindo o acceso a unha ampla variedade de servizos de streaming como Samsung TV Plus, Netflix, YouTube, Amazon Prime Video, entre outros. Ademais, para as amantes dos videoxogos, o Samsung Gaming Hub ofrece unha experiencia de xogo fluída, permitindo xogar directamente desde a nube sen necesidade de consola.
Tamén destacan as opcións de conectividade avanzada, como Tap View e Mirroring, que permiten compartir contidos desde os nosos smartphones con facilidade. Ademais, a integración de SmartThings fai posíbel xestionar dispositivos domésticos intelixentes, para aquelas persoas que contan con elementos de fogar conectado.
Deseño minimalista e instalación doada
En termos de deseño, Samsung apostou nestes proxectores The Premiere polo minimalismo, para encaixar en fogares con diferentes decoracións. O seu acabado en tecido de alta calidade de Kvadrat e os bordes redondeados aportan un toque de elegancia a calquera espazo.
Grazas ao seu tamaño compacto e á súa capacidade de tiro ultracorto, a instalación é extremadamente sinxela: só hai que conectalo á rede e comezar a gozar dunha pantalla de grandes dimensións.
Dispoñibilidade e prezo dos novos modelos Samsung The Premiere
Os proxectores The Premiere 9 e The Premiere 7 xa están dispoñíbeis na tenda en liña oficial de Samsung e en puntos de venda seleccionados de Estados Unidos, Canadá e China.
O lanzamento destes modelos está previsto para outras rexións, incluído o noso país, a finais deste ano. O seu prezo está aínda por determinar.