A dixitalización non é só unha tendencia, senón unha realidade cada vez máis palpábel nos fogares galegos. A transformación tecnolóxica que Galiza está a experimentar está a cambiar significativamente o xeito en que as persoas interactúan coa tecnoloxía, e como esta inflúe en todos os aspectos da vida diaria.
O informe máis recente sobre a Sociedade da Información nos Fogares Galegos, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galiza (OSIGMA) cos datos de 2023, revela cuestións importantes que confirman a chegada da chamada revolución dixital aos fogares galegos.
Conexión en (case) todos os fogares galegos
O acceso a Internet é unha realidade case universal en Galiza, onde o 94,3% dos fogares contan con conexión á rede. Este incremento, que supera o 4,4% no perído 2020 – 2023, sitúa ao noso país por riba da media europea do 2,3%.
Este dato non só é un reflexo da expansión das infraestruturas dixitais, senón tamén da importancia que a poboación lle outorga á conectividade como unha ferramenta esencial para o desenvolvemento persoal e tamén profesional.
A proliferación da Internet en zonas rurais, onde o acceso medrou un 20,5%, ten moito que ver nesta redución da fenda dixital entre o rural e o urbano. Cabe lembrar que nos últimos anos puxérons en marcha diversos programas de expansión das redes de fibra óptica no rural, así como o espallamento do 5G como alternativa real ás conexións de fibra. De feito, o 78,2% dos fogares contan con velocidades de conexión superiores a 30 Mbps, fronte o 58,4% dos que o tiñan no 2020.
Con todo, segue habendo diferenzas no uso da Internet por concellos e comarcas. Nos concellos de máis de 20.000 habitantes, supérase amplamente a media galega do 91,5%. Os maiores crecementos témolos nos concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes, e nos de menos de 5.000 habitantes, con crecementos relativos do 6,6 e do 6,4%, respectivamente.
Os fogares galegos dixitalízanse a fume de carozo
Atrás quedaron os filmes futuristas nos que viamos fogares con tecnoloxías avanzadísimas. A adopción de dispositivos electrónicos intelixentes para o control da enerxía, a seguridade ou a domótica medra de forma substancial en Galiza. O 27,8% dos fogares galegos contan con algunha destas tecnoloxías, experimentando un crecemento do 59,7% respecto ao ano anterior.
Esta tendencia non só mellora a eficiencia enerxética dos fogares, senón que tamén ofrece un control sen precedentes sobre a vida cotiá. Falamos de electrodomésticos conectados, altofalantes intelixentescon asistentes dixitais e sistemas avanzados de seguridade, que están a converterse en elementos comúns nos fogares do noso país. No caso concreto dos altofalantes intelixentes, destaca o crecemento de preto de 6 puntos en dous anos, acadando o 15,5% dos fogares galegos.
No que ten a ver con dispositivos máis básicos, o 79,1% dos fogares dispoñen dalgún tipo de ordenador, destacando os portátiles, presentes no 61,1% dos fogares. Esta cifra dispárase naquelas casas nas que hai nenas ou nenos en idade escolar até o 94,8%. A renda é outro dos factores que inflúen na adopción deste tipo de dispositivos, marcando diferenzas entre as vivendas máis e menos pudintes.
A adopción das televisións intelixentes (Smart TV) chega ao 55,4% dos fogares (40,5% no 2020). Un crecemento que se explica coa actualización dos dispositivos, xa que é raro o modelo actual que non dispón desta funcionalidade.
Non crece tan rápido a adopción de videoconsolas con acceso á Internet. Este tipo de dispositivos están presentes no 22,1% dos fogares, que se ben supón un incremento do 0,7% respecto ao 2022, sitúase por baixo do 22,2% que había no 2021.
O smartphone: núcleo da vida dixital galega
Pouca sorpresa causa que o smartphone sexa considerado o dispositivo tecnolóxico máis esencial. Mais si destaca que o 92,6% da poboación empregue este dispositivo de maneira habitual. No segmento entre 16 e 44 anos o seu uso é universal, mentres que medra a adopción entre as persoas maiores de 65 anos, onde a taxa de uso sitúase no 70,3 %.
As actividades máis populares inclúen o uso da mensaxería instantánea (98,5%), a busca de información en liña (88,6%) ou o uso de servizos bancarios (78,4%). Este último dato demostra tamén como a poboación galega está amplamente integrada na economía dixital.
As persoas maiores de 65 anos rompen coa fenda dixital
A ninguén se lle escapa que un dos desafíos máis complexos de toda transformación dixital é a inclusión das persoas maiores. Galiza está a demostrar que é posíbel. No 2023, o 65,9% das persoas de entre 65 a 74 anos xa estaban a empregar Internet de forma habitual, o que supón un incremento do 10% nun ano.
Este dato, que tamén reflicte un aumento do 24,3% respecto a 2020, da conta da crecente curiosidade (e necesidade) de conexión entre a poboación máis maior. Unha evolución que non só contribúe á inclusión social, senón que tamén mellora a calidade de vida das nosas maiores.
Medran as compras en liña
A pandemia da COVID supuxo un antes e un despois na consideración das compras en liña. Un sector, ou unha nova forma de comerciar que, lonxe de ter quedado nunha moda pasaxeira en Galiza, é unha tendencia en auxe.
O 63,9% da poboación realizou compras en liña no último ano, cun incremento notábel do 9,2% desde 2020. Esta tendencia é especialmente marcada entre a xeración máis nova, pero tamén está a gañar forza entre as persoas de 65 a 74 anos, cuxo uso aumentou un 13,1% respecto ao ano anterior.
Este tipo de comportamentos non só dinamizan a economía dixital, senón que tamén supoñen un desafío para as empresas e comercios, que teñen a necesidade de adaptarse ás novas demandas das consumidoras galegas.
Ciberseguridade: o novo desafío para os fogares dixitalizados de Galiza
A medida que os fogares galegos se dixitalizan, a ciberseguridade emerxe como unha preocupación crucial. O 14,4% das internautas galegas experimentaron incidentes relacionados coa ciberseguridade no último ano. Unha cifra que dá conta da importancia de implementar medidas de protección máis efectivas.
Destaca positivamente que o 63,1% da poboación ten por costume actualizar regularmente os seus produtos de seguridade informática. Unha práctica que resulta esencial para evitar as amezas e garantir a seguridade dos datos persoais.
Principal conclusión do Informe sobre a Sociedade da Información nos Fogares Galegos
O Informe sobre a Sociedade da Información nos Fogares Galegos elaborado polo OSIGMA deixa claro que a revolución dixital en Galiza está a redefinir os nosos fogares, impulsando a conectividade, a adopción de tecnoloxías intelixentes e a inclusión dixital, especialmente entre a poboación máis maior.
Co acceso a Internet como un elemento case universal, as galega estamos a integrar os dispositivos dixitais nas nosas vidas cotiás, o cal ten un impacto positivo na mellora da eficiencia e seguridade dos nosos fogares.
Con todo, seguen quedando retos pendentes para completar a alfabetización dixital, máis tamén en todo o que ten que ver coa ciberseguridade. Por iso Galiza debe seguir traballando na redución da fenda dixital (de conexión e de coñecemento) e na transición cara unha sociedade dixitalizada e preparada para afrontar os retos e cambios do futuro.
Imaxes e datos | Informe “A nosa vida en dixital”. OSIGMA