Os novos Motorola Edge 50 e Edge 50 Neo destacan polas súas cámaras e rendemento

Motorola anunciou o lanzamento de dous novos smartphones, o Motorola Edge 50 e o Motorola Edge 50 Neo. Trátase de dous dispositivos que pretenden facerse un oco nun dos segmentos más competitivos, destacando polas súas cámaras avanzadas, un deseño coidado e un gran rendemento dentro da gama media.

O fabricante decidiu incorporar o sensor LYTIA de Sony aos novos modelos, completándoo coa súa tecnoloxía de procesado propia Moto AI, que emprega técnicas de intelixencia artificial. Esta combinación destaca por ofrecer unha boa calidade de imaxe, mesmo en condicións de baixa iluminación. Entre os seus puntos fortes están tamén a estabilización óptica de imaxe (OIS),o enfoque omnidireccional avanzado e o zoom 30X.

As usuarias que opten por algún destes novos modelos de Motorola desfrutarán de pantallas pOLED. No caso do Edge 50 é un panel de 6,7 polgadas sen bordes, mentres que o Edge 50 Neo inclúe unha pantalla de 6,36 polgadas. Ambas as dúas admiten HDR10+, o que garante cores vibrantes e un contraste que mellora o visionado de películas e xogos adaptadas.

No seu interior, O Motorola Edge 50 conta co procesador Qualcomm Snapdragon 7 Gen 1 Accelerated Edition, mentres que no Edge 50 Neo optouse polo MediaTek 7300, que destaca pola súa eficiencia. Ambos os dous dispositivos inclúen 12 GB de RAM e 512 GB de almacenaxe interna, xunto co sistema RAM Boost, que mediante software pode converter parte do almacenaxe dispoñíbel en RAM virtual, mellorando a fluidez.

Tanto o Motorola Edge 50 como o Edge 50 Neo contan con protección fronte á auga e pó segundo o estándar IP68, así como a certificación militar MIL-STD-810H, soportando condicións ambientais extremas. Esta resistencia complétase con Corning Gorilla Glass nas pantallas, protexéndoas de pequenas rabuñadas e impactos.

Dispoñibilidade e prezo dos novos Motorola Edge 50 e Edge 50 Neo

Ambos os dous modelos xa están á venda no noso país, tanto a través da páxina web de Motorola como nas canles habituais.

O Motorola Edge 50 custa 599 €, e está dispoñíbel nas cores Jungle Green (verde), Koala Grey (gris) e Peach Fuzz (pexego). Pola súa banda, o Motorola Edge 50 Neo custa 499 € e pódese adquirir nas cores Poinciana (vermello), Lattè (dourado), Grisaille (gris) e Nautical Blue (azul).

Como promoción de lanzamento, e até o 30 de setembro, as persoas que adquiran un Motorola Edge 50 Neo recibirán de regalo unha tablet Lenovo Tab M11, valorada en 199 €.

Máis info | motorola

Sobre o autor

Reply