A xeración de imaxes por IA en Gemini chega ao noso país

Malia que o mes de agosto é en moitos sectores considerado inhábil, non é así no da tecnoloxía. A lo menos non para Google, que ademais de presentar os seus novos smartphones hai unha semanas tamén está a introducir novidades nas súas aplicacións e servizos. Estas actualizacións inclúen novidades en Gemini (a plataforma de intelixencia artificial (IA) coa que Google compite con ChatGPT, entre as que destacan melloras na xeración de imaxes coa nova versión de Imagen 3 e unha maior personalización grazas aos Gems.

Melloras na xeración de imaxes con Imagen 3

A chegada de Imagen 3 supón un gran avance na calidade e versatilidade da creación de imaxes mediante intelixencia artificial xerativa. Este novo modelo estará dispoñíbel para todas as usuarias de Gemini, incluíndo a versión gratuíta, permitindo xerar imaxes de alta calidade a partir de instrucións sinxelas en calquera dos idiomas soportados pola plataforma.

Entre as súas capacidades, Imagen 3 pode crear imaxes adoptando diversos estilos: desde paisaxes de carácter fotorrealista até representacións artísticas en pintura ao óleo ou animacións feitas con plastilina. Ademais, o sistema inclúe medidas de seguridade para garnatir que as imaxes xeradas respecten os principios éticos de Google, empregando a tecnoloxía SynthID para inserir marcas de auga nas imaxes creadas.

Outra importante novidade des Imagen 3 é o lanzamento dunha función preliminar para a xeración de imaxes de persoas, dispoñíbel en inglés para as usuarias de Gemini Advanced, Business e Enterprise. Esta funcionalidade introduce melloras técnicas e novas medidas de seguridade, permitindo crear imaxes personalizadas de persoas, respectando as normas de non xerar imaxes de persoas identificábeis ou menores.

Gems: personalización avanzada en Gemini

A outra gran novidade é a introdución dos Gems, unha función que permite personalizar a IA de Gemini que nos permitirá converternos en “expertas” en diferentes temas [ideal para tertulianas/os ;)]. Trátase dunha función que estará dispoñíbel para as usuarias de Gemini Advanced, Business e Enterprise en determinados idiomas e países, aínda que de momento non en galego nin en español.

Os Gems ofrecen unha ampla gama de posibilidades, que inclúen o desenvolvemento de proxectos complexos até proporcionar orientación profesional ou asistencia na redacción. Destacn por ser altamente personalizábeis, permitindo ás usuarias definir instrucións detalladas que os Gems lembrarán para tarefas futuras, aforrando en tempo e mellorando a eficiencia.

Entre os tipos de Gems dispoñíbeis destacan o titor persoal (axuda a comprender información complexa); explicación de ideas (inspiración para proxectos creativos ou eventos); orientación profesional (análise de habilidadades e proposta de plans para mellorar e avanzar na carreira); revisión da escritura (mellora da redacción con suxestións detalladas) e asistente de programación (soporte par escribir e depurar código).

Dispoñibilidade das novidades de Google Gemini

Como xa se avanzou, as novidades de Imagen 3 para a xeración de imaxes comeza a chegar ás usuarias do noso país, tanto nas versións gratuítas como nas de pago. No caso dos Gems, estarán dispoñíbeis unicamente para os plans con custe.

Desde Google recomendan ser usuarias dos plans avanzados (Gemini Advanced ou Gemini para Workspace) para ser das primeiras en probalos.

Sobre o autor

Reply