O 6G podería duplicar as velocidades grazas a unha nova tecnoloxía

No pasado mes de maio fixémonos eco dunha nova que apuntaba a que Xapón tiña conseguido acadar os 100 Gbps en interiores co primeiro prototipo 6G. Grazas ao desenvolvemento dun chip capaz de xestionar ondas de terahercios, esta nova tecnoloxía podería duplicar as velocidades de transmisión actuais, revolucionando a forma en que nos conectamos. Iso é o que veñen de conseguir desde un gupo de investigación da Universidade de Adelaide.

As redes 6G, baseadas en ondas de terahercios prometen superar amplamente as capacidades das actuais redes 5G. Mentres que as redes 4G e 5G xa ofrecen un rendemento elevado, a tecnoloxía de terahercios funcionaría cunha canle máis ancha e rápida, permitindo que a transmisión de datos sexa aínda máis eficiente e sen interferencias.

No interior deste avance temos un chip diminuto, creado cunha lámina de silicio de só 250 micrómetros de grosor e con alta resistencia eléctrica. Este chip, denominado “multiplexador de polarización”, superou un dos maiores desafíos das ondas de terahercios: a dificultade para xestionalas de forma eficiente. O chip actuou como un “axente de tráfico”, dirixindo a orientación e oscilación de dúas ondas cunha perda mínima de sinal, arredor de 1 decibel.

Durante as probas, o equipo logrou transmitir dous sinais de vídeo simultaneamente sobre un enlace de terahercios, duplicando a capacidade de transmisión en comparación cunha canle convencional. O chip acadou velocidades de ata 64 gigabits por segundo, chegando aos 190 gigabits por segundo empregando esquemas de modulación máis complexos como o 16-QAM.

Este avance podería cambiar radicalmente o futuro das telecomunicacións, permitindo conexións sen latencia para xogos en liña, cirurxías remotas con imaxes de ultra-alta resolución e experiencias de realidade virtual moito máis inmersivas. Co lanzamento inminente de novos visores de realidade virtual por parte de Samsung e Apple, esta tecnoloxía podería ser especialmente relevante.

Porén, malia todas estas promesas, a implementación da tecnoloxía de terahercios en redes de telecomunicacións aínda enfronta retos significativos, como o seu curto alcance e a alta interferencia con obstáculos. Ademais, a fabricación e detección eficiente das ondas de terahercios en sistemas de maior escala segue sendo un desafío por resolver.

Sobre o autor

Reply