Qualcomm vén de desvelar o seu último procesador, o Snapdragon 6 Gen 3, deseñado para ofrecer un rendemento de alta calidade en dispositivos de gama media. Este chip, a pesar de estar dirixido a smartphones económicos, presenta características avanzadas que o sitúan a un nivel moi próximo ao Snapdragon 7s Gen 2.
O Snapdragon 6 Gen 3 destaca por unha arquitectura de 4 nanómetros, que mellora a eficiencia enerxética dos dispositivos. Está composto por catro núcleos Cortex-A78 a 2,4 GHz para tarefas de alto rendemento e catro núcleos Cortex-A55 a 1,8 GHz, optimizados para aforrar enerxía. En canto ao apartado gráfico, integra unha GPU Adreno 710, compatíbel con memoria RAM LPDDR4x e LPDDR5, así como almacenamento UFS 3.1.
O novo chip de Qualcomm promete un aumento do 10% no rendemento da CPU e un 30% máis de potencia gráfica en comparación coa xeración anterior. Estas melloras tradúcense nunha experiencia máis fluída para as usuarias, con multitarefa mellorada, tempos de carga máis rápidos nas aplicacións e un rendemento superior nos videoxogos.
Inclúe tamén varias funcións pensadas para as amantes dos videoxogos, como as opcións Snapdragon Elite Gaming, que engaden técnicas avanzadas como o Variable Rate Shading para optimizar o rendemento e a eficiencia. Ademais, o Qualcomm Game Color Plus mellora os gráficos, proporcionando cores máis vivas e detalles máis nítidos.
En canto á conectividade, este procesador incorpora o sistema Snapdragon 5G Modem-RF, que garante conexións 5G rápidas e fiábeis. Tamén soporta as últimas tecnoloxías Wi-Fi 6 e 6E grazas ao sistema Qualcomm FastConnect, que permite desfrutar de conexións sen fíos de alta velocidade e audio Bluetooth de máxima calidade.
O Snapdragon 6 Gen 3 preséntase como unha opción moi atractiva para o competitivo mercado de gama media, combinando rendemento de alta gama con tecnoloxías de conectividade avanzadas. Está por ver como se comporta nos dispositivos que cheguen ao mercado, pero as súas especificacións suxiren que podería ser un dos procesadores máis populares no seu segmento. Estaremos atentas a que móbiles dos que se esperan para os próximos meses incorporan este novo procesador.