Huawei anunciará o seu teléfono encartábel con formato “Z” o 10 de setembro, e OPPO parece ter listo o seu

Desde que Samsung anunciou os primeiros smartphones encartábeis, foron varios os fabricantes que secundaron esta proposta. Porén, aos formatos xa consolidados tipo libro e tipo cuncha sumarase agora un terceiro deseño en acordeón ou “formato Z”. É algo que xa temos visto en prototipos que se amosaron no CES de Las Vegas e no MWC de Barcelona, e que agora serán unha realidade comercial.

Huawei será o primeiro fabricante en anunciar o lanzamento dun teléfono en acordeón. Faráo nun evento confirmado polo seu CEO, Richar Yu, que terá lugar o próximo 10 de setembro. Co fin de aumentar o hype ante o lanzamento, o directivo da empresa chinesa confirmou que será un dos dispositivos “máis disruptivos” do mercado dos smartphones.

Imaxe conceptual do dispositivo que prepara Huawei

O certo é que nos últimos días veñen aparecendo diversas filtracións que apuntaban a un lanzamento inminente deste modelo en forma de Z por parte de Huawei. Segundo parece, unha vez despregada toda a pantalla tería un tamaño de 10 polgadas, semellante á que ofrecen as tablets estándar.

Polo de agora non hai moitos máis datos sobre este dispositivo, a pesares de que diversos prototipos foron captados nas mans de persoas da compañía, como pode verse na imaxe coa que abrimos este artigo.

OPPO ten listo o seu

OPPO, outro dos fabricantes que máis están apostando polos terminais encartábeis, tamén prepara o lanzamento do seu modelo con dobre bisagra, aínda que de momento sen unha data definida para o seu lanzamento.

Nunha imaxe compartida por un directivo da compañía na rede social chinesa Weibo pode verse o deseño que tería este dispositivo, capaz de ofrecer funcionalidades de smartphone e tablet.

Pantallas encartábeis: un futuro prometedor?

As pantallas flexíbeis están a marcar un antes e un despois no mundo dos dispositivos móbiles, ofrecendo novas posibilidades de deseño e funcionalidade que, hai só uns anos, parecían ciencia ficción. A chegada dos novos modelos de Huawei e OPPO ao mercado non fai máis que reafirmar esta tendencia, amosando un futuro onde os límites entre a tecnoloxía, deseño e mesmo a creatividade son cada vez máis difusos.

Durante o último MWC puidemos ver de primeira man como estas tecnoloxías están a evolucionar a un ritmo vertixinoso, e todo apunta a que o seu impacto na vida diaria será significativo. As pantallas flexíbeis, enrollábeis ou encartábeis, xa sexa en teléfonos, tablets ou outros dispositivos, abren unha nova era de innovación que, sen dúbida, transformará a nosa relación coa tecnoloxía nos próximos anos.

A pregunta que queda no aire é: até onde chegarán estas innovacións e como moldearán o futuro da tecnoloxía móbil? Verémolo co tempo, e nós estaremos aquí para contalo.

Sobre o autor

No Responses

Reply