O realme GT 6 recibe novas funcións de IA na súa última actualización

A serie realme GT 6 vén de recibir unha importante actualización de software que introduce tres novas funcións baseadas na intelixencia artificial (IA). Unhas novidades coas que o fabricante busca mellorar a experiencia das e dos usuarios, posicionando o realme GT 6 como o primeiro smartphone da marca completamente equipado con tecnoloxía IA.

Melloras en claridade e edición de imaxes con IA

Unha das principais innovacións que trae esta actualización é a AI Ultra Clarity, unha función que mellora significativamente a resolución e a claridade das imaxes. Grazas a sofisticados modelos de IA, esta función destaca especialmente en fotos tomadas con teleobxectivos ultra, como poden ser as tomas en concertos ou teatros, onde a nitidez é clave para captar os detalles.

Ademais, AI Eraser 2.0 chega para facer a edición de imaxes máis sinxela e eficaz, permitindo eliminar elementos non desexados das fotografías. Isto inclúe tanto persoas como obxectos, que poden seleccionarse manual ou automaticamente, completando a edición coa restauración do fondo mediante IA.

Serie realme GT 6

Xestión intelixente de contidos con IA

Outra das funcións destacadas é AI Smart Summary, deseñada para facilitar a xestión de gravacións de reunións, clases ou debates. Este asistente persoal de IA identifica e resume os puntos clave de cada gravación, aforrando tempo ás usuarias.

Aínda que de momento non é compatíbel co galego, admite outros idiomas coma o español, inglés ou italiano.

Expansión das funcións de IA

Coa chegada destas novidades, realme amplía as funcións de IA xa presentes na serie realme GT 6, como o modo de visión nocturna con IA, que permite capturar vídeos de alta calidade en condicións de pouca luz. Ou AI Smart Loop, que axiliza as interaccións anticipándose ás accións das usuarias.

Ademais, realme lanzou recentemente o NEXT AI Lab e o AI+UI Popularizer Plan, co obxectivo de ofrecer experiencias de IA a máis de 100 millóns de usuarias nos próximos tres anos. Este plan inclúe colaboracións con líderes do sector como Qualcomm, Google e Microsoft, asegurando que a tecnoloxía de IA sexa accesible e útil para os usuarios máis novos en todo o mundo.

Sobre o autor

Reply