Se teletraballas e tes unha avaría, non tes que recuperar o tempo perdido

O teletraballo experimentou un crecemento sen precedentes a raíz da pandemia da COVID. Moitas empresas víronse obrigadas a adaptarse a esta nova ralidade para garantir a continuidade das súas operacións, e o traballo a distancia converteuse nunha alternativa eficaz nun contexto marcado pola incerteza e as restricións sanitarias. O que comezou como unha solución temporal, consolidouse en moitas empresas e administracións como un modelo híbrido ou, nalgúns casos, permanente, ofrecendo maior flexibilidade tanto para empregadoras como para traballadoras.

Porén, coa suspensión da crise sanitaria, moitas organizacións comenzaron a fomentar o retorno ás oficinas, xa sexa de forma parcial ou total. Esta transición está a xerar novos debates sobre os dereitos e as responsabilidades en réxime de teletraballo, como por exemplo está a pasar no Concello de Ferrol.

Mais, que pasa cando se producen interrupcións técnicas ou avarías durante a xornada laboral? Un fallo do Tribunal Supremo vén de pronunciarse sobre a recuperación do tempo perdido nese tipo de situacións, achegando un pouco de claridade a unha das principais preocupacións das traballadoras.

Un corte de luz, a falta de conexión a Internet, un equipo que deixa de funcionar… son situacións que se poden dar, e sobre as que o Tribunal Supremo dá unha resposta rotonda: non é necesario recuperar as horas perdidas, do mesmo xeito que este tempo contaría como tempo efectivo de traballo se o fallo técnico se producise na oficina.

Esta interpretación está en consonancia co artigo 34.5 do Estatuto dos Traballadores, que define o tempo de traballo como “todo o período durante o cal o traballador está a disposición do empresario”. Por iso, entende o Tribunal Supremo que as traballadoras en réxime de teletraballo non poden ser tratadas de maneira menos favorábel que as que traballan de maneira presencial. Impoñer a obriga de recuperar o tempo perdido sería, segundo o Supremo, un trato desigual e inxusto. Polo tanto, a empresa tampouco pode descontar do soldo ese tempo perdido por causas alleas ás traballadoras.

Sobre o autor

Reply